Colapsan o Campus Virtual da USC para visibilizar a falta de recursos acaídos para os exames

As protestas do alumnado logra ser trending topic a nivel de Estado español co lema '#AsiNonUSC' e a institución atribúe a caída a un test de tensión


 

A protesta do alumnado da Universidade de Santiago de Compostela pola xestión da crise sanitaria e do final do curso materializouse esta terza feira a través do Campus Virtual da institución académica.

As redes sociais e os grupos de estudantes en 'whatsApp' fixéronse eco da convocatoria a colapsar os servizos da plataforma virtual ás 12 horas, chamando o alumnado a facer uso desta ferramenta para visibilizar os problemas desta infraestrutura.

Os servizos da institución resentíronse e alumnas e alumnos partillaron 'pantallazos' dos erros informáticos a través dos seus perfís sociais.

O obxectivo da convocatoria era evidenciar as carencias tecnolóxicas da institución académica para soportar a carga de tanto alumnado conectado ao mesmo tempo, e a preocupación polas avaliacións finais que se realizarán de forma telemática.

De feito, algún destes estudantes denunciou os problemas rexistrados a pasada sexta feira durante un exame telemático, no que todos os alumnos e alumnas perderon a conexión mentres realizaban a proba dunha única materia.


A USC, pola súa banda, asegura que os servizos técnicos atopábanse traballando en tarefas orientadas en fortalecer o sistema, que "xa funciona correctamente", o que suscitou as queixas dos usuarios e participantes na protesta.