Ante o desabastecemento, compras "responsábeis e racionais"

A escaseza de aceite de xirasol levou algúns supermercados a limitar as unidades que se poden comprar por día (Foto: Nós Diario).
A Unión de Consumidores da Galiza fai un chamamento á "tranquilidade" e a "responsabilidade" á hora de facer a compra, xa que se están a ver "comportamentos pouco responsábeis" que "agravan as situacións de desabastecemento".

A Unión de Consumidores da Galiza (Ucgal) difundiu esta quinta feira un comunicado no que fai un chamamento á "tranquilidade" e a "responsabilidade" das persoas consumidoras á hora de facer as súas compras, en especial nos estabelecementos de alimentación e supermercados.

Os problemas de abastecemento de diferentes produtos e materias primas derivados da guerra en Ucraína —e agravados pola folga de transportes—, advirten desde Ucgal, está a provocar "comportamentos pouco responsábeis" que "agravan as situacións de desabastecemento".

Un exemplo disto é o aceite de xirasol, cuxo prezo se duplicou nas últimas semanas até achegarse aos tres euros por litro e moitos supermercados optaron por limitar o número de unidades que cada persoa pode adquirir por día.

Tamén a escaseza de cereal preocupa especialmente, xa que, advirten desde o sector primario, o prezo dun ben básico como o pan podería duplicarse tamén nos vindeiros días. Aliás, o desabastecemento xa está a paralizar algunhas empresas da industria agrogandeira.

Con todo, a entidade lamenta que, "máis unha vez", as persoas consumidoras sexan "as que teñan que padecer as consecuencias da incapacidade para introducir mudanzas normativas moi demandadas tanto polos consumidores como por sectores especialmente afectados" por esta "grave" situación.

A Ucgal urxe as administracións competentes a "tomar cartas no asunto de forma decidida" para que a cidadanía "non siga soportando" a escalada do prezo da luz e do "conxunto dos servizos e produtos que conforman a cesta da compra".

Neste senso, pide unha "solución inmediata e valente" para frear o incremento progresivo dos custos da enerxía, "que está a lastrar de forma desmedida as economías domésticas, en especial as máis vulnerábeis".

De forma paralela, a Unión de Consumidores considera "vital" que as administracións se reúnan cos "responsábeis do sector do transporte" para atopar unha solución á súa folga e "retornar á normalidade da forma máis áxil posíbel".