Xuízo do Alvia

A defensa de Cortabitarte eríxeo en vítima do xuízo na última sesión: "Todo en Adif e Renfe fíxose ben agás a conduta do maquinista"

Chegada de Andrés Cortabitarte, exculpado finalmente pola Fiscalía, ás dependencias da Cidade da Cultura habilitadas para unha das sesións do xuízo do Alvia. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
As defensas dos dous acusados, Andrés Cortabitarte e Francisco Garzón, teñen hoxe a última palabra na que será a derradeira sesión do xuízo iniciado en outubro e quedará, así, visto para sentenza. Mentres o letrado do ex director de Seguridade de Adif porfía en situar o maquinista como único responsábel por unha conduta "inusual, imprevisíbel e insólita" aos mandos do Alvia, a defensa deste último cre que Adif "creou un risco intolerábel".

Nove meses despois, e cando xa fixo dez anos o tráxico accidente que acabou coa vida de 80 persoas e deixou feridas de diversa gravidade outras 145, o xuízo do Alvia chega esta quinta feira, 27 de xullo, á súa conclusión. Nesta última sesión tomarán a palabra os avogados de ambos os acusados, Francisco Garzón —o maquinista do tren— e Andrés Cortabitarte —o ex director de Seguridade de Adif—, este último exculpado pola Fiscalía, que inicialmente pedía para os dous a mesma pena, de catro anos de prisión.

E ás portas do edificio Cinc da Cidade da Cultura, onde desde outubro do pasado ano decorre o xuízo, concentráronse a primeira hora desta quinta feira vítimas e familiares das máis dun cento de persoas que viaxaban no tren Alvia en dirección Santiago o 24 de xullo de 2013. As vítimas, que esta segunda feira conmemoraron o décimo aniversario do sinistro exixindo "xustiza", portan hoxe de novo carteis cos que denuncian as "mentiras" que percibiron durante o xuízo por parte da Fiscalía e a Avogacía do Estado. Reclaman, como ao longo de todos estes anos, que se saiba "a verdade" do descarrilamento e que se diriman as correspondentes responsabilidades.

Para as vítimas, en contra do criterio que finalmente adoptou o fiscal Mario Piñeiro, Cortabitarte é culpábel porque "non cumpriu co seu deber de garantir que a liña [entre Ourense e Santiago] fose segura", en relación co sistema de freado 'ERTMS', ausente na curva de Angrois, en Santiago. Algo que para a defensa, tal e como reiterou esta quinta feira, non tivo "relevancia causal", porque "era máis seguro circular con 'Asfa' que cun 'ERTMS' que daba fallos", e "non requiría análise de riscos porque o risco de 'Asfa' xa estaba previsto".

Concentración das vítimas na Cidade da Cultura de Santiago, no último día do xuízo. (Foto: Europa Press)

Mais o administrador ferroviario insiste en que non incorreu en infracción ou neglixencia ningunha no exercicio das súas responsabilidades. Xa na sesión desta cuarta feira a defensa da aseguradora de Adif, Allianz, porfiou en situar Cortabitarte como "a única vítima entre os acusados", alegando que "quen se beneficia" dunha suposta "persecución" ao seu ex alto cargo "é o seguro de Renfe [QBE]". As compañías aseguradoras mantiveron un tenso enfrontamento por mor das futuras indemnizacións ás vítimas e a conta de quen deberían correr.

E esta quinta o avogado de Andrés Cortabitarte reiterou, máis unha vez, que o seu representado é inocente: "Todo en Adif e Renfe fíxose ben, agás a conduta do maquinista". O letrado volveu pedir a absolución e criticou que se poña o foco no seu cliente, situándoo como "unha especie de Cid Campeador de todo o sistema ferroviario", mentres "non se sabe de que se lle está acusando". "O procedemento tornou en buscar, e segue a buscarse, que feitos poden serlle atribuídos", afirmou.

Cortabitarte, dixo, ficou sempre como responsábel de Seguridade "dentro do risco permitido" e nunca "infrinxiu ningún deber de coidado". "Agora parece que se centra todo [o xuízo] no certificado", censurou, aludindo ao documento que asinou avalando a seguridade da liña Santiago-Ourense e que saíu á palestra en anteriores sesións. "O accidente explícase por si mesmo coa conduta do maquinista, que é unha causa directa e eficiente, anómala e inusual que impide regresar a outras causas que se chamaron neste xuízo subseguintes", aseverou.

O letrado de Cortabitarte: "O proceso alongouse buscando alguén que acompañase o maquinista"

Durante esta intervención, o maquinista mostrou o seu desacordo negando coa cabeza mentres era acusado dunha condución "inusual, imprevisíbel e insólita" cando desencarrilou o Alvia. "As acusacións valéronse da imaxe de Garzón ensanguentado para trasladar que é unha vítima e que o sector fallou e presenta deficiencias de seguridade", continuou o letrado de Cortabitarte, que tamén ollou cara ao operador ferroviario e puxo en cuestión que no proceso houbese "35 imputacións de Adif e só dúas de Renfe".

"O proceso alongouse buscando alguén que acompañase o maquinista", incidiu, logo de asegurar que "se frease catro ou cinco segundos antes, se fosen 95 ou 96 segundos, o tren non descarrilaría", porfiando na versión da culpabilidade única de Garzón por "despiste, desatención ou perda de conciencia situacional".

O avogado de Garzón ve un "risco intolerábel creado por Adif"

Nunha dirección radicalmente oposta apunta a defensa de Francisco Garzón, que afirma que "non é responsábel da neglixencia de Adif". E igual que o avogado de Cortabitarte co seu defendido, este considera o maquinista "unha vítima". As acusacións que pairan sobre el, dixo, "non son constitutivas de delito". Fronte ao relato "nesgado" de Adif, defendeu, Garzón falou "libremente desde o mesmo instante en que se produciu o sinistro" e mantivo unha "liña coherente e real" desde o principio.

Fixo alusión, neste senso, á "falta de análise e mitigación dos riscos, a falta de sinalización na curva e de protección do tren", así como ao "deficiente cadro de velocidades máximas" e a "deficiente formación" do maquinista como causas que motivaron o desencarrilamento. Adif, subliñou, "tiña o deber de garante" e, pola contra, puxo en funcionamento a liña Santiago-Ourense "en condicións inseguras de explotación", alegou.

"Adif nin avaliou nin xestionou o risco intolerábel. Esta é a causa raíz do accidente, sendo previsíbel o erro humano de calquera maquinista", engadiu este letrado. Un "risco intolerábel", insistiu, que "foi creado por Adif".