Xuízo do Alvia

Loita entre as aseguradoras: a de Adif cre que Cortabitarte, exculpado pola Fiscalía, é "a única vítima entre os acusados"

O ex director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, nunha sesión do xuízo. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
As aseguradoras de Adif, Allianz, e Renfe, QBE, enfrontadas por mor das futuras indemnizacións ás vítimas no marco do xuízo do Alvia.

O 'caso Alvia', a piques de concluír cando a traxedia xa fixo dez anos, mantén enfrontadas as compañías de seguros que deberán afrontar as correspondentes indemnizacións ás vítimas. A representación legal de Allianz Global, a aseguradora da empresa pública Adif, atribúe ao seguro de Renfe (QBE) o que considera unha "persecución" contra o ex director de Seguridade do administrador ferroviario, Andrés Cortabitarte, procesado no xuízo polo accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois (Santiago) hai dez anos. Iso a pesar de que o fiscal encargado do 'caso Alvia', Mario Piñeiro, decidiu a última hora retirar a acusación contra Cortabitarte ao considerar que non incorreu en "infracción ningunha" no exercicio das súas funcións, malia pedir inicialmente para el a mesma pena que para o maquinista, Francisco Garzón: catro anos de prisión.

"Quen se beneficia da persecución que se está facendo ao señor Cortabitarte? Creo que é unha pregunta que nos formulamos todos. Quen se beneficia é QBE, o seguro de Renfe. Se houbese dous condenados, un empregado de Renfe —Garzón— e outro de Adif —Cortabitarte—, iso significaría que se activa a póliza de Allianz Global. Os dous seguros terían que facer fronte de acordo co grao de responsabilidade que determine a súa señoría", sinalou esta terza feira avogado, que expón o seu informe final na penúltima sesión da vista oral.

Non opina o mesmo, senón todo o contrario, a aseguradora de Renfe, que reiterou que o ex director de Seguridade de Adif "infrinxiu o deber de coidado" que se deriva da "teoría da posición de garante" como responsábel desta materia. Cortabitarte, asegurou, era quen tiña a "capacidade de dominio", que é "moi distinta", precisou, "á de reacción".

A súa defensa solicitou a absolución do maquinista, de Renfe e da propia aseguradora —QBE—, e, no caso de non ser así, pediu que a imprudencia profesional de Garzón fose cualificada como "leve" e que se modulasen as compensacións "en función da culpa". Exixiu, pois, que sexa Allianz quen abone as contías con intereses correspondentes ás indemnizacións.

Unha versión ben distinta é a de Allianz, que defende que Andrés Cortabitarte é "a única vítima entre os acusados". Afirma o seguro de Adif que ao ex director de Seguridade "arruinóuselle a vida por un delito que xamais cometeu" e que está a vivir "un longuísimo pesadelo", polo que demanda a súa absolución.