"A Ulloa precisa este proxecto": CCOO Industria sitúase a favor de Altri

Consello Extraordinario de CCOO Industria decorrido esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)
Piden "diálogo" para un proxecto "necesario"

A federación de Industria de CCOO na Galiza tomou esta segunda feira postura a favor do proxecto de macrocelulosa de Altri na comarca da Ulloa. Pide cordura e diálogo sobre unha factoría que provocou nos últimos días unha vaga de protestas veciñais, cualificadas por esta federación de Comisións Obreiras como "insultos, empuxóns, bloqueos aos intentos de informar a técnicos de prestixio, descualificacións"

Para CCOO, que considera que "a Ulloa precisa este proxecto", a macrofábrica de Altri en Palas de Reis "xerará moito emprego na comarca" e "incrementará os prezos da madeira" que se paga a "100.000 propietarios forestais" e provocará un "potente efecto tractor" sobre o sector téxtil, achegando obradoiros téxtiles á Galiza. 

"Nun territorio que xa ten plantadas 650.000 hectáreas de eucalipto, non é necesario plantar máis para subministrar a esta planta", explicaron onte nun comunicado no que unicamente fan referencia á produción de fibras téxtiles.  

A factoría que Altri proxecta na Ulloa é, para CCOO, "ecolóxica", "con impacto climático nulo" e cun efecto "social e vertebrador no rural e no sector téxtil da Galiza como ningún outro que se propuxera nunca". En canto ao consumo de auga, un aspecto fortemente criticado pola veciñanza –ao calcularse que Altri consumiría tanta auga como a poboación de Palas de Rei en máis de 3.200 anos–, segundo a federación de Industria de CCOO, "está baixo control e en mans dun organismo público fóra de toda dúbida como Augas da Galiza". 

Normativa medioambiental "moi estrita"

Así, ante os posíbeis "medos e prevencións que poidan xurdir sobre o proxecto", desde CCOO fan referencia a unha "normativa medioambiental moi estrita" e a uns "organismos que vixían polo cumprimento e respecto das normas"

"En CCOO Industria temos plena confianza no bo facer dos técnicos, de prestixio recoñecido ao servizo das institucións", explican, para a continuación pedir á veciñanza e aos e as representantes políticas "que poidan estar detrás desta tensión inxustificada, que amosen respecto por persoas que fan o seu traballo cun elevado nivel de excelencia". 

"Coa información nas mans seguimos apoiando este proxecto", sentencian.