O TSXG anula a declaración da Xunta que facilitaba expropiar montes comunais a favor dunha louseira en Valdeorras

Canteira de lousa en Valdeorras (Foto: Nós Diario).
En relación á sentenza, a sección terceira da Sala do contencioso-administrativo explica que a normativa non permite que o órgano gobernativo declare a utilidade pública ou interese social de algo "que xa vén realizándose desde hai anos nun espazo, coa finalidade de que se transforme un contrato de arrendamento por un título de propiedade, que é o que aquí sucedeu cando se frustrou a posibilidade de manter aqueles contratos polas codemandadas".

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) estimou o recurso interposto pola comunidade de montes mancomunados de Portela e Trigal contra a resolución da Xunta da Galiza que declarou a utilidade pública e o interese social para os establecementos de beneficio do grupo Irosa, no que se inclúe Lousas Samaca, situados en Trigal, termo municipal de Carballeda de Valdeorras.

En consecuencia, segundo informou o TSXG, o alto tribunal galego anulou o acordo, o precedente expreso do que trouxo a súa causa e as actuacións posteriores -o que conleva, por exemplo, as expropiacións dos terreos-.

Nesta conxuntura, fontes sindicais ratificaron, ademais, que finalmente está previsto que o desafiuzamento se efectúe á primeira hora desta cuarta feira, tras a ruptura do preacordo alcanzado recentemente entre a comunidade de montes e a empresa, aínda que apuntaron que as partes continuaron as negociacións esta mesma terza feira.

En todo caso, os traballadores non se fían do que poida ocorrer. "Se fecha pode ser para non volver abrir", advertiron as fontes consultadas.

A sentenza

En relación á sentenza, a sección terceira da Sala do contencioso-administrativo explica que a normativa non permite que o órgano gobernativo declare a utilidade pública ou interese social de algo "que xa vén realizándose desde hai anos nun espazo, coa finalidade de que se transforme un contrato de arrendamento por un título de propiedade, que é o que aquí sucedeu cando se frustrou a posibilidade de manter aqueles contratos polas codemandadas".

Pola contra, segundo indica o TSXG na sentenza, o que o lexislador habilita é "a posibilidade de que determinados estabelecementos xa autorizados para o seu futuro destino á preparación, concentración ou beneficio de recursos mineiros, se poidan emprazar en terreos dos que poderá ser beneficiaria a titular da concesión ou autorización mineira, para a súa posterior adquisición mediante expropiación, tras o cal afectaranse á finalidade que a normativa mineira impón".

Os maxistrados subliñan que "non obrou así o superior órgano colexiado", que puxo de relevo os altos intereses que para as empresas e os seus traballadores e familias tiñan os 'estabelecementos de beneficio', con esquecemento de que non existía autorización previa que declarase tal condición".

Precisa que o que existía é "o lexítimo uso dunha superficie arrendada desde había unhas catro décadas, na que se aloxaban almacéns, talleres, comedores, vestiarios e oficinas". "Por iso é polo que aquel órgano carecía de amparo legal para declarar a utilidade pública ou interese social para uns estabelecementos que xa utilizaba a sociedade mercantil Industrial de Rocas Ornamentales, como complemento ou auxilio das concesións mineiras de que xa era titular, e menos aínda para os de Pizarras Samaca, que ningunha concesión dese tipo tiña", agrégase.

Procedemento

O TSXG lembra na resolución que, en outubro de 2020, o representante das sociedades mercantís Industrial de Rocas Ornamentales e Pizarras Samaca, até entón arrendatarias dunha superficie aproximada de 140.000 metros cadrados -17.500 construídos- da comunidade de montes, onde contaban con instalacións afectas a seis concesións mineiras das que era titular a primeira das empresas, así como outras arrendadas pola segunda para comercializar produtos daquela, solicitou á xefatura territorial da Consellaría de Economía, Empresa e Innovación en Ourense a declaración de utilidade pública para o conxunto desas instalacións, en razón a que a titular deses terreos se negou a renovar os contratos para exixir "unha nova renda abusiva".

Tramitado o procedemento coa incorporación de diversos informes e das alegacións das interesadas, o Consello da Xunta acordou en outubro de 2021 acceder a declarar a utilidade pública e o interese social para os estabelecementos de beneficio do grupo Irosa. Esa resolución da Xunta foi anulada polo TSXG. Contra a sentenza cabe presentar recurso de casación.

Dous votos particulares

A resolución conta con dous votos particulares de dúas maxistradas, quen entende que non procede a estimación do recurso.

Unha delas considera que, neste caso, "o decisivo é que a lei da minaría posibilita acollerse aos beneficios da expropiación forzosa previa declaración de utilidade pública ou interese social", mentres que a outra maxistrada sinala que os que os terreos expropiados onde van os estabelecementos de Irosa e Samaca, son "de beneficio", polo que afirma que "poden perfectamente ser expropiados".