Do impacto na pesca á perda de bioviversidade: os posíbeis riscos da eólica mariña dos que advirte o Tribunal de Contas da UE

Unha auditoría da corte europea conclúe que non se estudaron a fondo as consecuencias do actual modelo de desenvolvemento da eólica mariña e advirte sobre o custo que pode ter para a biodiversidade e as consecuencias no sector pesqueiro.

“As renovábeis mariñas non deben dar lugar a un grave dano social ou ambiental”. Esta é a opinión expresada esta semana por Nikolaos Milionis, membro do Tribunal de Contas da Unión Europea e máximo responsábel da auditoría realizada polo organismo sobre a estratexia da Unión sobre eólica mariña. A conclusión do informe apunta que o desenvolvemento da enerxía renovable mariña en Europa ofrece “resultados ambiguos”. O Tribunal recomenda que a realización de accións destinadas a impulsar o desenvolvemento da enerxía marítima renovábel, aseguren simultaneamente a sostibilidade ambiental e social.

Malia os seus beneficios en cuestións como a redución de emisións, a enerxía eólica mariña pode ter un indesexado custo social e ambiental. E así se expresa no informe  Offshore Energy Renewable in the EU’ .

“O despregamento da enerxía renovábel mariña expón unha serie de problemas prácticos, sociais e ambientais que aínda non recibiron suficiente atención”, sostén a alta corte europea.

Entre as consecuencias negativas que pode ter, sinalan: impacto na calidade da auga pola emisión de elementos contaminantes; perda ou degradación do hábitat mariño; cambios na migración das especies e até colisións e ruídos submarinos.

Na súa auditoría, os membros do tribunal mantiveron entrevistas con persoal da Comisión Europea, dos Estados membros, do Banco Europeo de Investimentos, as asociacións industriais, as ONG ecoloxistas e expertos e examinaron en particular os casos do Estado español, Alemaña Francia e Países Baixos.

Desde o punto de vista económico, apuntan ao posíbel impacto que poida ter a eólica mariña no sector pesqueiro, cunha redución progresiva do acceso a zonas de pesca, así como pola forte dependencia tecnolóxica (a fabricación de imáns permanentes para xeradores de turbinas eólicas) procedente de China.

Considera este organismo que aínda que a estratexia verde da UE ten a biodiversidade como piar, a Comisión non valorou a fondo as súas posíbeis consecuencias ambientais, como o desprazamento de especies e os cambios estruturais das poboacións, a dispoñibilidade de alimentos ou os patróns de migración, entre outras cuestións.