A transferencia á Galiza da AP-9 no ar, polo cambio de posición do PSOE

A ponte de Rande, sobre a AP-9. (Foto: Europa Press)
Os socialistas galegos, molestos coa actitude do Goberno. A transferencia á Galiza da titularidade da AP-9 está en risco. Á coñecida oposición a esta demanda do grupo parlamentario de Vox súmase agora o rexeitamento do PSOE, que con anterioridade tiña expresado o apoio a esta reclamación. As dificultades e as tensións volven pairar sobre este proceso.

O pasado 2 de febreiro, o Congreso dos Deputados admitía a trámite unha proposta unánime da Cámara galega onde se solicitaba a transferencia á Galiza da AP-9. Malia que a iniciativa só recibiu 52 votos desfavorábeis, procedentes do grupo parlamentario de Vox, a Mesa do Congreso prorrogou durante practicamente tres meses o prazo de presentación de emendas ao proxecto de lei orgánica, o que significou adiar a tramitación da proposta. A este respecto, fontes coñecedoras do debate sinalaron a Nós Diario “a falla de interese dos representantes socialistas na Mesa por darlle adiante a proposta e mesmo a existencia dunha táctica deliberada coa intención de atrasar o seu debate”. 

A tramitación do proxecto de lei desbloqueouse, finalmente, o 16 de xuño, após semanas de resistencia por parte de deputados socialistas. Neste sentido, resultaron chaves as xestións discretas do BNG cos grupos parlamentarios e o chamado do seu deputado Néstor Rego a conformar unha fronte común dos congresistas galegos para axilizar o procedemento. “Non hai ningunha razón obxectiva para continuar demorando o debate e a aprobación definitiva da lei de transferencia, máxime cando o BNG solicitou no pasado 5 de febreiro a tramitación pola vía de urxencia e foi acordada pola Mesa no día 9 dese mes”, sinalara Rego en xuño.

O remate da fase de emendas da proposición de lei serviu para verificar a oposición do PSOE e de Vox á transferencia a Galiza da AP-9. A formación ultraespañolista xa amosara o seu rexeitamento á solicitude na sesión de 2 de febreiro, xustificando nese momento a súa negativa en que “é un itinerario de interese xeral que non debe ser transferido á rexión galega e que, ao contrario, debe seguir pertencendo á Rede de Estradas do Estado”. Na mesma liña, consideraron que “esta autoestrada é tamén un itinerario internacional que conecta España con Portugal e que, ademais, une centros de transportes -portos e aeroportos- de interese xeral e de titularidade estatal”. 

Os socialistas argumentaron a súa negativa a ceder á Galiza a AP-9 por razóns de tipo técnico. Así, motivaron a súa emenda sinalando que “a aprobación dunha lei orgánica que transfira a titularidade da infraestrutura á Administración da comunidade autónoma da Galiza podería comprometer a tramitación e aprobación por parte da Administración xeral do Estado das bonificacións da peaxe previstas na autoestrada AP-9, por canto o Estado deixaría de ser o titular da autoestrada”. Ao tempo, na súa proposta, reservaron para o Goberno estatal a competencia de fixar o prezo das peaxes, a decisión sobre as condicións do contrato da concesionaria e a resolución dos expedientes contra esta. 

Críticas do PP

O Partido Popular aproveitou o posicionamento dos socialistas para cargar contra o Executivo do Estado. Así, o secretario xeral da formación na Galiza, Miguel Tellado, denunciou que os socialistas foron “do ganchete co partido de Santiago Abascal para evitar que os galegos sexan donos da autoestrada 42 anos despois de ser inaugurada”. Pola súa banda, o voceiro parlamentario, Pedro Puy, afirmou que lle “sorprendeu moito” o cambio de postura do PSOE e sinalou, “laméntoo e certamente o que se deduce desas emendas é que o que se traspasa á comunidade autónoma é a responsabilidade polo funcionamento da autoestrada pero non os medios que permiten facer efectiva esa operatividade”.

Unidas Podemos non rexistrou ningunha emenda á proposta lexislativa aprobada polo Congreso dos Deputados o 2 de febreiro e mantívose firme en reclamar a transferencia a Galiza da AP-9. Segundo soubo Nós Diario, a formación morada fixo chegar aos seus parceiros no Executivo o malestar polo cambio de postura, así como a esixencia de cumprir os compromisos adoptados en relación coa autoestrada do Atlántico. Pola súa banda, Ciudadanos decidiu non apoiar a cesión á Galiza da AP-9, mais non acordou aínda o sentido concreto do seu voto, malia que as fontes da organización consultadas por Nós Diario apuntan ao seu carácter negativo.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, criticou que os socialistas “nas emendas xa non falan de transferencia da infraestrutura, senón da transferencia da xestión. O PSOE está traizoando os intereses do noso país, incumprindo o acordo de investidura e de paso emendando a plana aos seus cargos na Galiza, porque hai que lembrar que Gonzalo Caballero defendeu esta lei no Congreso. Agora tenta xustificar que o seu propio partido o desautorice”. Ao tempo, o nacionalista acusou o PP de actuar “de maneira demagóxica, pois agora ármase en defensor da AP-9 unha forza política que foi a que máis encareceu as tarifas, para alén de prorrogar de forma opaca a concesión durante 25 anos”. 

O PSOE emenda Gonzalo Caballero

O cambio de posición do PSOE xera sorpresa e malestar entre os socialistas galegos. Malia que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, xustificou publicamente a nova postura da súa formación, significados membros da dirección do partido recoñeceron a Nós Diario que “soubemos da negativa a transferir a titularidade da AP-9 horas antes de que rexistraran a emenda. Non consultaron connosco o cambio de postura e a nova posición dérona por feita sen posibilidade de debate”. Na mesma liña, recoñeceron que se trata dunha “desautorización ao partido na Galiza, que ademais o deixa en moi mala posición ao presentalo como unha formación sen autonomía fronte a Madrid, algo que van explotar desde o PP e do BNG”. Estas mesmas fontes expresaron a súa confianza en que a situación poida ser reconducida.