Traballadoras do PAC de Cangas denuncian que o Sergas non lles permite usar material doado por Iago Aspas

Iago Aspas no partido Real Madrid - Celta do pasado 16 de febreiro (Oscar J. Barroso/EP).
"Non entendemos que no centro de saúde de Cangas se estea a empregar material de fabricación caseira sen certificación, que provén tamén de doazóns anónimas que non pasaron o control de Preventiva, mentres nós estamos ameazados por traballar con material que si está homologado", di unha traballadora do PAC do Morrazo.

Traballadoras e traballadores do Punto de Atención Continuada (PAC) de Cangas e de Moaña denuncian que a dirección de atención primaria da área sanitaria de Vigo lles está a impedir o uso dos equipos de protección individual (EPI) doado polo futbolista do Celta Iago Aspas, natural de Moaña. 

Segundo trasladan a Nós Diario, os responsábeis do Servizo Galego de Saúde alegan que as características deste material non foron analizadas polo servizo de Medicina Preventiva do Sergas a través da súa "Central de Doazóns", creada pola xerencia de Vigo.

Porén, o persoal sanitario dos PAC de Cangas-Moaña asegura que notificou á súa xerencia as características do material doado e as fichas técnicas dos produtos con información detallada sobre a certificación e o cumprimento da lexislación en materia de prevención de riscos laborais.

"Lamentamos profundamente que unha iniciativa tan fermosa e que tan só pretendía que o material chegase directamente ao persoal sanitario, tivese a mellor calidade posíbel e servise para atender á poboación do Morrazo, se ensucie polo egoísmo dos nosos xestores", afirman as traballadoras, que prefiren ficar no anonimato.

Ademais, contan que o persoal do 061, a través da empresa concesionaria, está autorizado a empregar estes mesmos equipos de protección facilitados polo futbolista ao considerar que cumpren coas normas ditadas polo Goberno español.

Material caseiro si, homologado non

"Non entendemos que no centro de saúde de Cangas se estea a empregar material de fabricación caseira sen certificación, que provén tamén de doazóns anónimas que non pasaron o control de Preventiva, mentres nós estamos ameazados por traballar con material que si está homologado", explica unha traballadora do PAC. 

Entre o material doado por Iago Aspas contan cunhas gafas e unhas pantallas que non se embafan, entre outras cousas, o que lles permitiría, segundo explican, ver con claridade á hora de realizar técnicas que impliquen precisión.

"As gafas e pantallas de protección que nos dan non teñen ficha técnica nin homologación. Algunhas están feitas a man con material de papelería e se embafan con tan só miralas. Hai veces que con tanto bafo queres coller unha vía e non distingues un brazo dunha perna. É un Horror", lamenta unha das enfermeiras. 

Transfondo político

Estas profesionais manifestan que o Sergas intentou "confiscar" o material de protección e apuntan a un transfondo político: "Todo isto non é máis que unha represalia por non permitir que os directivos se luzan na foto en plena precampaña electoral".

Van tres semanas desde que a xerencia da área sanitaria de Vigo ten as fichas técnicas do material, segundo manifestan estas traballadoras, e aínda non teñen permiso para utilizalo. Non descartan realizar mobilizacións e estudan "emprender accións legais por pór en risco a saúde e a vida dos traballadores" contra a xerencia de atención primaria de Vigo a través da Xunta de persoal.