Feixoo prestou os ventiladores a Madrid cando faltaban até máscaras en hospitais

Alberto Núñez Feixoo, en rolda de prensa. (Imaxe: Arxina/ Nós Diario).
O empréstito de once ventiladores mecánicos á Comunidade de Madrid, cando, en palabras de Feixoo non se sabía se ían ser necesarios na Galiza, fíxose nun momento en que, segundo un documento oficial do Sergas ao que Nós Diario vén de ter acceso, nin sequera estaban garantidas na sanidade pública as máscaras FPP2 e FPP3 para o persoal que atendía naquel momento pacientes coa COVID-19.

Aínda que nas súas comparecencias públicas Alberto Núñez Feixoo persegue transmitir unha imaxe de “bo xestor”, coa complicidade dunha CRTVG que nos últimos meses recolleu en directo máis de 40 intervencións de máis de media hora de duración sen posibilidade de réplica por parte da oposición, os feitos evidencian unha realidade distinta. Un dos erros da xestión do Goberno galego durante a etapa máis crítica da emerxencia sanitaria tivo a ver co empréstito de once equipos de respiración á Comunidade de Madrid cando se descoñecía se Galiza os precisaría.

Para tratar de desmontar as acusacións de “madrileñofobia” da meirande parte dos medios de comunicación españois, Feixoo non dubidou o pasado día 16 en apuntar que “doou” respiradores a Madrid “sen saber” se “serían necesarios” na Galiza. Un feito que demostraría o “compromiso” coas madrileñas e madrileños.

Porén, en resposta a unha pregunta formulada por Nós Diario, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta que decorreu onte en Compostela, non foi quen de explicar se se tratou dunha doazón ou dun empréstito, "creo que eran 11" e "tería que preguntar ou consultar ao Servizo Galego de Saúde como está ese asunto neste momento, se o empréstito se converteu en doazón ou se, polo contrario, van ser reclamados ao servizo madrileño de saúde". Máis tarde este medio recibía a información de que foran un empréstito devolto xa ao Sergas.

Emprego de FPP2 e FPP3 “se as hai”

O empréstito de respiradores a Madrid tivo lugar nas semanas en que faltaba material de protección para persoal sanitario do Sergas. A este respecto, Nós Diario vén de ter acceso a un documento oficial que evidencia a falta de material de protección básico. O escrito, con data do 23 de marzo de 2020, só dous días antes de que a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, informase nunha entrevista concedida a un medio de comunicación do empréstito dos respiradores, está asinado por Miguel Pereira Loureiro, coordinador cirúrxico do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo; Verónica González Casal, supervisora do quirófano dese centro hospitalario, e María Jesús Aros Garrido, supervisora funcional do proceso cirúrxico, e titúlase "Manexo paciente con COVID-19 na área cirúrxica". Recolle, así, a “sistemática actuación ante un paciente con COVID-19 confirmado que precise unha intervención cirúrxica, sexa electiva ou urxente”.

No apartado relacionado cos equipos de protección individual, afírmase que, en casos de cirurxías que xeren aerosois, serán necesarios “gorros, dobre par de luvas, bata impermeábel, gafas ou pantalla e máscara cirúrxica ou respirador FPP2/FPP3”. Ao que se engade en relación a estas últimas, “se dispoñíbel”, é dicir, o hospital de referencia da área sanitaria de Vigo, e o máis novo da Galiza, non garantía as máscaras recomendadas pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para o persoal sanitario pola súa capacidade filtrante de partículas minúsculas, como as que contén o coronavirus, e que filtran, respectivamente, do 92 ao 98%.

Ourense, sen respiradores

Un día antes da sinatura do documento do Sergas que evidenciaba a falta de máscaras FPP2 e FPP3, Feixoo puña de manifesto nunha rolda de prensa que "apenas chegou nada desde que se decretou o estado de alarma. E temos necesidades imperiosas de máis material sanitario de todo tipo: de protección, tests, respiradores, material de UCI e material de hospitalización". O 28 de marzo este extremo confirmábano a este medio fontes hospitalarias da área sanitaria ourensá. Estas fontes informaron de que o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) tivera que recorrer á sanidade privada para conseguir respiradores UCI para poder así habilitar a unidade de recuperación postanestesia, coñecida como URPA, como unha área extra de coidados intensivos, dada a necesidade de máis camas UCI.

Ourense, a 13 de abril, superaba toda a Comunidade de Madrid na incidencia de casos activos de coronavirus por habitante, un dato que a Xunta da Galiza mantivo oculto. Segundo as cifras fornecidas pola Consellaría de Sanidade ao Ministerio, nesa data, a área sanitaria de Ourense contaba con 382 casos activos de coronavirus por cada 100.000 habitantes, fronte os 230 casos activos por cada 100.000 habitantes da Comunidade de Madrid.

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir do sábado, día 20, nos quiosques ou na nube]