O Consello de Colexios Médicos rexeita o bono anunciado pola Xunta e pide "dignidade, non frivolidade"

Sanitarios durante a pandemia (Europa Press).
"A nosa deontoloxía e o noso xuramento hipocrático impídennos aceptar propinas como esta", salientan desde este organismo, que reúne a máis de 13.000 facultativos

O Consello Galego de Colexios Médicos manifestou este sábado o seu rexeitamento ao bono de 250 euros para traballadoras e traballadores sanitarios, de residencias e de centros de atención á discapacidade que a Xunta anunciou esta sexta feira e pediu que se trate a estes profesionais con "dignidade, non frivolidade".

Nun comunicado, a organización, que reúne a máis de 13.000 facultativos, mostra o seu "máis rotundo rexeitamento" perante "tan singular medida". "A nosa deontoloxía e o noso xuramento hipocrático impídennos aceptar propinas como esta", indican.

Ademais, destacan que os sanitarios cumpriron coa súa obrigación nestes meses de crise sanitaria e dérono "todo", cunha entrega levada "ao límite" e arriscando a súa propia saúde.

Por iso, agora reclaman "estabilidade no traballo, non contratos temporais, e recursos suficientes" para desenvolver o seu traballo "nas mellores condicións de seguridade e eficiencia".

"Nunha palabra, pedimos que a Administración nos trate coa consideración debida e reforce o noso sistema sanitario para facer fronte a continxencias como a que vivimos e estamos a vivir", insiste o Consello.

Aínda que traslada a súa "solidariedade" á hostalería, un sector que a Xunta pretende estimular con este bono, que se poderá gastar en restaurantes e aloxamentos, a organización de médicos indica que hai "medios para socorrelo sen caer en medidas pouco serias e que soan a improvisación".