Rubén Arroxo denuncia na Policía Nacional as ameazas sufridas no 'Facebook'

O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo. (Foto: Concello de Lugo)
En xaneiro deste ano xa denunciou pintadas nas que o ameazaban de morte.

O tenente de alcalde de Lugo e concelleiro polo BNG, Rubén Arroxo, denunciou na noite desta cuarta feira novas amezas á saúde física dirixida contra el nas redes sociais.

Nun chío publicado na súa conta de Twitter, o dirixente lugués compartiu unha captura de pantalla varios comentarios en Facebook de persoas que animaban a "linchar o Rubén Arroxo" ou "cortarlle o pescozo".

"Estas barbaridades non son nin a primeira nin a segunda vez que me chegan", detallou no seu chío, para despois engadir que "todas as persoas que as escriben teñen algo en común".

Arroxo lamentou que, no momento de publicar o seu chío en Twitter, as ameazas seguían escritas "no taboleiro dun cargo público", do que preferiu non dar o nome. "Valorarei tomar as medidas legais precisas. A esta xente hai que parala".

Na mañá desta quinta feira, o dirixente lugués acudiu á comisaría da Policía Nacional de Lugo para denunciar as ameazas.

Pintadas ameazantes

En xaneiro deste ano, Rubén Arroxo xa denunciara no seu Facebook ameazas contra el. Naquel caso, tratábanse de dúas pintadas nas que se podía ler  "BNG ladrones fascistas" "Cono bueno el cono muerto".

"'Cono' é a palabra que usan para denominarme a min nas redes sociais coñecidos perfís da ultradereita xunto con algún concelleiro e membros do PP", explicaba o tenente de alcalde de Lugo, que detallou que estas pintadas apareceron nun camiño polo que pasa "con frecuencia".

En conversa con Nós Diario poucos días despois de dar a coñecer as ameazas, Arroxo explicou que non era a primeira vez que as recibía, pero que si o era en pintadas na rúa.

O concelleiro nacionalista non dubidou en sinalar a extrema dereita como responsábel daquelas ameazas. "Lugo é unha cidade moi tranquila, non adoitan ocorrer estas cousas, pero sempre hai xente que se serve do anonimato das redes ou dunha pintada nun muro para cometer estes actos covardes", sentenciou.