Suspensión de vacacións: a proposta da Consellaría de Sanidade para dar cobertura nos PAC

Os médicos internistas son chaves no funcionamento dos centros hospitalarios. (Foto: Europa Press)
A suspensión de permisos xa fixados, a ampliación obrigatoria da xornada e a revogación das autorizacións de suspensión, outras medidas propostas pola Xunta.

A Consellaría de Sanidade propuxo na Mesa Sectorial da pasada semana cos sindicatos a suspensión de vacacións e permisos xa fixados, a ampliación obrigatoria da xornada ou a revogación das autorizacións de suspensión como "medidas urxentes e excepcionais" dirixidas a garantir a cobertura dos PAC con persoal médico e enfermeiro.

O documento foi rexeitado polos sindicatos con representación na Mesa Sectorial, xa que as medidas recollidas son "lesivas" cos dereitos dos traballadores.

En concreto, a CIG sinala que é "responsabilidade da Administración sanitaria tomar as medidas necesarias para garantir a asistencia", pero, advirten, "ningunha medida en contra dos traballadores vai contribuír a solucionar as causas que xeran os problemas actuais".

Na mesma liña, CCOO entende que "a maior parte" das medidas incluídas no documento "son restritivas cos dereitos dos profesionais" e "fan pagar ao persoal a falta de previsión e a mala xestión da dirección da área sanitaria".

Sanidade di que non pretende aplicar a suspensión

Pese á oposición da Mesa Sectorial, Sanidade non precisa do visto bo dos sindicatos para sacar adiante as medidas, polo que a proposta seguirá previsibelmente coa súa tramitación para ser aprobado en Consello de Xunta polo Executivo galego.

Porén, fontes da consellería de Sanidade aseguraron a Europa Press que a súa intención é non tocar os descansos dos traballadores. "Non se van a suspender vacacións", afirmaron as mesmas fontes, a pesar de que estas medidas non serán borradas do documento.

En concreto, a proposta de Sanidade recolle que, "como último recurso", poderá procederse á "denegación, suspensión ou revogación das autorizacións de goce de vacacións e permisos, ou condicionalas á garantía das presenzas mínimas necesarias nos días nos que se presuma un maior pico de actividade".

A revogación das vacacións no mes de xullo e agosto "conlevará a compensación económica equivalente", continúa o escrito, sen prexuízo do seu goce posterior.