A solidariedade salva os problemas económicos e de coidados derivados da crise

Voluntarios no banco de alimentos de Vigo.

A onde non chegan as Administracións e as axudas gobernamentais aprobadas para paliar a crise económica provocada polo novo coronavirus, chega o traballo das entidades sociais e das redes de axuda veciñais para dar unha resposta colectiva, solidaria e autoxestionada, en moitos casos, ás necesidades da poboación.

Dun día para outro, a crise do coronavirus deixou sen traballo miles de persoas na Galiza. Case tres meses despois, sen ingresos e sen aforros ou con prestacións pendentes de cobro, moitas familias víronse na obriga de acudir, por primeira vez, ás entidades sociais e aos grupos de axuda mútua dedicados estes días a paliar as necesidades dos colectivos máis vulnerábeis.

As Administracións locais víronse na obriga de reorganizar e ampliar os seus programas de servizos sociais. O concello de Lugo habilitou axudas de emerxencia directas para o pagamento do aluguer, das facturas ou da compra diaria. O de Compostela, ademais de manter as rendas sociais estabelecidas estendeu as bolsas comedor máis aló do feche das aulas. E ao igual que na cidade de Vigo decidiron trasladar o servizo dos comedores sociais aos fogares das usuarias.

En Santiago de Compostela as comidas a domicilio chegan a máis de 200 novas familias. En Vigo, cada día entregan entre 500 e 600 menús, máis de 35.000 pratos desde o inicio da repartición. A demanda medrou, aseguran fontes municipais, tamén por por parte das persoas sen teito e faltas de recursos que neste tempo dispoñen do albergue do Concello e de aloxamento en hoteis da cidade.

Redes veciñais

A onde non chegan estas iniciativas institucionais, que teñen a súa réplica en localidades de menor tamaño, adaptadas ás necesidades da súa poboación, hai que sumar o labor das ONG, de entidades que traballan pola inclusión e contra a pobreza e das redes de apoio comunitario.

Os barrios "conscientes" da Coruña, Lugo e Ourense foron dos primeiros en relanzar os Grupos de Axuda Mutua (GAM), que nalgúns casos existían de vello. Redes de apoio laboral ou fronte a calquera tipo de opresión renaceron a raíz da crise sanitaria provocada polo coronavirus. "Co decreto do estado de alarma deducimos que se habían presentar moitos problemas nas casas en termos económicos e de coidados", comenta Antía Roig en conversa con Nós Diario.

Antía Roig é parte da rede de axuda comunitaria de Lugo, organizada por barrios para atender as demandas da veciñanza. "Os primeiros días tivemos que facer fronte a un aluvión de chamadas que fundamentalmente nos trasladaban necesidades económicas e de alimento". Agora, as solicitudes de apoio chegan máis espalladas. "Unha vez as familias estabelecen contacto coa persoa de referencia da súa comunidade, do seu barrio, a axuda é máis fluída; pero non deixamos de recibir novas demandas cada semana", asegura Roig, unha das integrantes do GAM de Lugo xunto a medio cento de persoas máis, que se organizan para entregar alimentos, roupa e facer a compra de quen non pode saír da casa.

As redes de apoios veciñal convertéronse en servizos esenciais ao igual que os bancos de alimentos que, malia as dificultades, non deixaron de traballar nin de crecer durante a crise.

Bancos de alimentos

As necesidades dos colectivos máis vulnerábeis aumentaron ao mesmo tempo que a solidariedade de empresas, asociacións e particulares. A proba está no éxito da primeira campaña online desenvolvida polo banco de alimentos de Vigo, unha operación quilo virtual coa que conseguiu "40.000 quilos de produtos nunha semana, 80.000 ao cabo dun mes".

"O noso traballo non mudou, pero acelerouse", recoñece Pedro Pereira, presidente do banco de alimentos de Vigo. "Atendemos unhas 5.000 persoas máis a través de 150 entidades colaboradoras que cada día detectan novas necesidades entre desempregadas sen expectativas de recuperar o seu emprego, familias que vivían da economía somerxida, persoas sen papeis que teñen imposíbel acceder a unhas prestacións. E creo que aínda non chegamos ao punto máis alto de demanda", recalca.

Desde o ámbito sindical tamén aprecian a urxencia social. O Plan solidario de axuda alimentaria da CIG, que funciona desde hai anos en distintas localidades do país, está ampliando a súa cobertura como consecuencia da crise derivada da pandemia "ante a falta de resposta dos Gobernos español e galego á grave situación que padecen milleiros de familias traballadoras". Na actualidade fan uso desta iniciativa unhas 130 persoas para as que a central nacionalista continúa coa recollida de alimentos mais de fondos.

A experincia das entidades sociais que traballan con persoas sen recuros e excluídas, confirma que non són as únicas que precisan axuda. Moitas, reclaman con urxencia unha achega por primeira vez.

Porta a porta ante a emerxencia social

En colaboración co Servizo de Deportes e o banco de alimentos, o Concello de Pontevedra desenvolve a través da Concellaría de Benestar o programa Porta a porta para atender as necesidades das familias sen recursos durante a crise sanitaria. Grazas a esta iniciativa, perto de 200 familias do municipio, máis de medio millar de persoas, reciben nas súas casas caixas de alimentos que alivian o seu desabastecemento.

Neste sentido, o Concello tamén creou unha liña de axudas complementaria para casos de emerxencia social, un plan de subvencións dotado, de inicio, con 30.000 euros que prevé asignar de forma directa segundo as necesidades a familias. As que teñan menores ao seu cargo ou persoas paradas, terán prioridade á hora de acceder ás axudas de entre 100 e 250 euros mensuais. Porén, Pontevedra mobiliza, en total, 200.000 euros a paliar a emerxencia social.