Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago

"Estamos atendendo máis de 3.000 persoas, unha situación inédita na cidade"

Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago, atende a chamada de Nós Diario desde o seu despacho no Concello. Pendente das necesidades sociais máis urxentes, o rexedor reclama unidade para converter o ano Xacobeo no motor da reactivación económica de Compostela, da Galiza e do Estado.
Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago de Compostela.
photo_camera Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago de Compostela.

Como respondeu a cidadanía de Compostela a este período de confinamento?

Con respecto e cun seguimento moi notábel de todas as indicacións ditadas a propósito do estado de alarma, e tamén cunha sensibilidade social moi importante. Desde o punto de vista das traballadoras públicas e privadas asociadas ás actividades esenciais, o comportamento é excepcional. Os incumprimentos son minoritarios. Até o momento levamos unhas 300 denuncias, a maioría, a nome dun grupo de persoas reincidentes ás que é evidente que as multas non lles afectan.

Neste tempo, desde onde decidiu continuar o seu labor como alcalde?

Desde o propio Concello. Cada mañá, presido o comité de emerxencia, que se reúne a diario. Así comezo a xornada, revisando o que pasa en todos os puntos da cidade. A partir de aí, o Concello, como institución, non pode desaparecer. Ao contrario, hai ámbitos que requiren un esforzo adicional extraordinario como consecuencia dos problemas derivados da crise sanitaria e do seu impacto socioeconómico. 

Que medidas están ao alcance dun Concello como o de Santiago para frear o impacto do coronavirus?

Estamos poñendo en funcionamento varios tipos de medidas. As primeiras, de acción inmediata e urxente, coas que buscamos garantir a calidade sanitaria, mediante a limpeza e desinfección de espazos públicos, lugares de tránsito ou centros de saúde; e ao mesmo tempo, paliar os apuros sociais que nos está deixando a pandemia.

"No comercio a recuperación vai ser máis custosa. Na hostalaría será paulatina, pero o Ano Santo contribuirá a que sexa máis efectiva".

Antes desta crise tiñamos unha renda social estabelecida, da que se beneficiaban unhas 100 familias, ademais dun sistema de bolsas para os comedores escolares, que asistía unhas 500 crianzas. Todo isto deu un salto espectacular. O comedor mantémolo para máis de 250 nenas e nenos. Tamén conservamos a renda social. A maiores, foi necesario abrir outra serie de programas como o bono alimento, un talón por valor de 50 euros semanais para que máis de 900 familias poidan facer a compra nos supermercados da cidade, ou a distribución domiciliaria de alimentos, da que se benefician 200 familias máis. En total, estamos atendendo máis de 3.000 persoas, unha situación inédita en Santiago.

A máis longo prazo, o Concello xa presentou un Plan Marco de Reactivación Económica por valor de 5 millóns de euros.

É o primeiro dos que temos previsto aprobar. A semana que vén contamos presentar o programa destinado ao turismo, un sector chave para a cidade, e estase empezando a fechar outro para a reactivación cultural. Polo tanto estamos preparando medidas de cara á saída desta crise dirixidas a empresas, autónomos, comercio, emprego, turismo e cultura.

Que actuacións concretas exixen o sector da hostalaría e do comercio, paralizados desde mediados de marzo?

Ademais de novas achegas, no programa marco xa se aprobou o desconto da taxa por ocupación do dominio público por mesas e cadeiras, e tamén o canon do lixo, o que vai supoñer un custo estimado para o concello de 100.000 euros mensuais. Tamén está listo o plan de axuda para o pagamento de xuros de créditos bancarios, que busca complementar os da Xunta e o Estado, e que vai dirixido a autónomos e pequenos empresarios. Nas súas mans está o groso da hostalaría e do comercio, os dous sectores que máis están sufrindo. Para o comercio, a recuperación creo que vai ser máis custosa. Para a hostalaría será paulatina, pero o Ano Santo contribuirá a que sexa máis efectiva.

"Non concibo que hoteis e restaurantes estean fechados até fin de ano. Sería un desastre e un caos difícil de asumir".

Con que previsións traballan no conxunto do sector turístico?

Hai asuntos que van mudar. A presión sobre os alugueres e os pisos turísticos vai diminuír, e non polas razóns que a nós nos gustaría. Doutra banda, non concibo que hoteis e restaurantes estean fechados até fin de ano. Sería un desastre e un caos difícil de asumir. Irán abrindo con límites de horarios e de aforamento. E isto coincidirá cunha recuperación progresiva da demanda. O primeiro será asegurar a supervivencia, mais sen perder de vista a oportunidade que se abre para redefinir un modelo turístico propio, capaz de xerar máis valor.

Que medidas concretas planean para o ámbito cultural?

Esperamos poder presentar axiña un plan detallado que garanta a actividade cultural como creadora de riqueza. Polo de agora, respectamos todos os contratos asinados e estamos estudando distintas fórmulas para que se poidan cumprir, aínda que non sexa nos termos, ben máis adiante ben en liña.

Unidade arredor do Ano Santo Xacobeo

Xosé Sánchez Bugallo defende a "oportunidade excepcional" que representan os camiños de Santiago e o Ano Santo para Galiza e para Compostela. "É un elemento distintivo que nos permite recuperar a través dun fenómeno de repercusión internacional un protagonismo moi importante para a nosa cidade, para Galiza e para o resto do Estado", salienta.

Máis aló da prórroga do Ano Santo, unha posibilidade sobre a que lle corresponde decidir ao Vaticano, o alcalde asegura que o Xacobeo é un acontecemento irrenunciábel. "Xa o era antes. Agora, ademais, é unha necesidade que todas as galegas e todos os partidos da Galiza fechemos filas arredor desta celebración". O turismo, incide, representa 11% do PIB da Galiza. No caso de Santiago, sobe até case 20%. "Non podemos esquecer estas porcentaxes nin os miles de empregos que dependen deste sector", conclúe.

Comentarios