Lara Méndez: "As corporacións locais debemos asumir un papel activo na desescalada"

Co sector servizos paralizado pola crise sanitaria do coronavirus, a cidade de Lugo comeza a prepararse para un novo escenario. Nós Diario conversa coa alcaldesa Lara Méndez, convencida da iniciativa dos Gobernos locais para contribuír á reactivación socioeconómica dos seus territorios.
lara méndez
photo_camera Lara Méndez

Como está respondendo a cidadanía de Lugo ás obrigas e restricións do estado de alarma?

De forma xeneralizada e exemplar. Sempre hai un número de persoas que incumpren o confinamento e as pautas de seguridade, pero a maior parte da veciñanza está sendo respectuosa e moi solidaria. Desde o Concello só podemos darlles os parabéns e insistir na importancia de cumprir con todas as recomendacións para a reactivación da cidade. Despois desta crise sanitaria, sentiremos máis de perto aínda o impacto das consecuencias económicas e sociais, por iso lle agradezo á cidadanía a súa implicación.

Que medidas adoptou o Goberno local para se adaptar ao confinamento?

Desde o primeiro día traballamos para estabelecer novas pautas de traballo e acomodalas ás exixencias do estado de alarma. Axiña configuramos o comité de seguimento e avaliación da crise e outro executivo, co fin de empezar a definir as medidas que implantamos neste tempo. Fomos dos primeiros en decretar os servizos mínimos esenciais, incorporamos o teletraballo e puxemos en marcha as primeiras medidas de prevención sanitaria, tanto de limpeza como medioambientais. 

Que pegada está deixando na cidade a paralización da actividade económica?

Vai ser importante e negativa. Con case 100.000 habitantes, Lugo conta con perto de 8.000 autónomos que, á súa vez, teñen traballadoras ao seu cargo. Este sector, e o das pequenas e medianas empresas, é fundamental dentro do tecido económico da nosa cidade. E estamos vendo moitos afectados. De momento, non teñen capacidade para abrir os seus negocios, e cando a teñan, veranse prexudicados pola redución de ingresos, por falta de actividade, de consumo e de xente nas rúas. 

De aí, todas as medidas que decidimos poñer en marcha máis aló das que buscan conter a propagación do virus.

Entre outras, o Plan Reanima Lugo, dirixido a autónomos, microempresas, pemes e familias.

Activamos unha partida de cinco millóns de euros a través de axudas directas co obxectivo de achegarlles liquidez para que poidan facer fronte aos gastos e intentar protexer os postos de traballo. Queremos contribuír a impulsar a actividade económica, mais tamén axudar as familias e facilitar as súas necesidades de conciliación. Ademais, xa anunciamos outras iniciativas complementarias como o adiamento do pago do IBI, que deixa un circulante de 22 millóns de euros, ou o compromiso de axilizar o pagamento das facturas pendentes, outros 11 millóns que buscan aforrarlles maior sufrimento aos negocios locais. A maiores, tamén asinamos un decreto para evitar que as empresas que prestan servizos ao Concello fosen a un ERTE. Con esta medida, amortizamos uns 700 empregos dependentes do consistorio de forma indirecta.

Cambiaron as necesidades das familias e dos colectivos máis vulnerábeis?

Sobre todo incrementáronse. Son moitas as persoas que precisan axudas para o pagamento do aluguer, das facturas e mesmo da compra diaria. Estamos vendo como familias que non tiñan ningún problema antes desta crise, agora, non teñen ningún ingreso. Por iso apostamos polas axudas directas, para  asegurar que teñan as necesidades básicas cubertas. Somos conscientes de que imos ter que incrementar a partida ordinaria destinada a emerxencia social, de 275.000 euros, en función da demanda que nos vaia chegando. 

A maiores reforzamos as infraestruturas e puxemos en marcha novas iniciativas. Un plan de acompañamento para que as persoas maiores e os colectivos máis vulnerábeis eviten saír á compra, á farmacia ou mesmo a tirar o lixo. E trasladamos a casa do transeúnte ao pavillón municipal, para que as persoas sen fogar poidan cumprir as exixencias do estado de alarma nas mellores condicións, en colaboración con Cruz Vermella.

Que papel cre que deben asumir as corporacións locais nos plans de desescalada do Goberno. Como  poden contribuír?

Malia non ter competencias en moitos ámbitos, ninguén como as corporacións locais coñece a realidade da súa contorna e da cidadanía que a habita. Somos a Administración máis próxima. Sabemos das peculiaridades do noso territorio, onde focalizar os esforzos, polo tanto, debemos asumir un papel protagonista, actuar de forma decidida e poñer solucións enriba da mesa para facilitar a volta á normalidade e participar na reestruturación necesaria da actividade social e económica.

Comentarios