Miguel A. Fernández Lores: "Temos entre 15 e 20 millóns para reactivar a economía se se derroga a Lei Montoro"

O alcalde de Pontevedra aténdenos após comprobar un día máis os datos positivos da área sanitaria, unha das menos afectadas polo coronavirus. Durante os próximos días, o rexedor nacionalista participará, como convidado, en varias charlas telemáticas sobre como debe ser o modelo das cidades unha vez se recupere o espazo público. 
Miguel Anxo Fernández Lores
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra.

—Que pode facer a Administración local perante a pandemia?

En Pontevedra, facemos o que temos que facer, que é desenvolver as nosas competencias. Temos en marcha toda a maquinaria municipal no que se refire a servizos esenciais, policías, bombeiros, protección civil, funcionarios con responsabilidades directas... Ademais, afortunadamente dispoñemos dunha plataforma informática que nos permite que máis de 200 funcionarios traballen desde a casa.

—Unha das áreas con máis traballo é a de servizos sociais.

Atendemos as persoas con máis necesidade, levámoslles comida aos nenos dos comedores escolares; enviamos o servizo de limpeza e recollida de lixo a persoas domiciliadas en Pontevedra que pasan o coronavirus nas súas casas, de maneira que o lixo se trate por separado; habilitamos dúas residencias para persoas sen teito onde hoxe viven 36 persoas; traballan máis de 50 persoas no servizo municipal de limpeza en labores de desinfección de espazos públicos transitados; chamamos todas as persoas maiores de 65 anos que viven soas para coñecermos as súas necesidades e que protección civil lles achegue a compra, medicamentos...; temos a disposición das vítimas de violencia de xénero un teléfono operativo as 24 horas do día... Facemos todo isto coa máxima seriedade e tratando de atender a todas as persoas que o precisen.

"Estamos elaborando proxectos e tramitacións administrativas por valor de 11 millóns para equipamentos culturais e deportivos, infraestruturas, obras..."

—Adoptaron algunha medida económica para afrontar a crise?

Os servizos económicos están traballando full time. De feito, nestas últimas cinco semanas axilizamos o pago a provedores para inxectar diñeiro na economía. Ademais, estamos elaborando proxectos e tramitacións administrativas por valor de 11 millóns para equipamentos culturais e deportivos, para infraestruturas, para obras... E decidimos adiar prezos e taxas públicas, e mais impostos. Desde o imposto sobre vehículos de tracción mecánica aos recibos de auga, lixo e sumidoiro, venda ambulante, veladores -estamos valorando facer unha rebaixa substancial no importe anual polas terrazas- ou mercados, que estarán exentos de pagar a taxa polos días en que non houbese feira. En Pontevedra ninguén terá que pagar obrigatoriamente taxas ou impostos municipais durante o estado de alarma.

Por outro lado, estamos a disposición das autoridades competentes e estamos coordinados coas organizacións do Estado a efectos de repartir equipos de protección individual (EPI) aos funcionarios e aos membros de protección civil.

Tamén estamos mantendo todos os contratos susceptíbeis de levarse a cabo ou de substituírse por actividades de tipo telemático. Un exemplo é o Salón do Libro, onde se realizou parte do programa a través da rede, ou o local de música.

—Que vai pasar após o levantamento do estado de alarma?

Preocúpame o día despois. Preocúpame todo o que ten a ver con que poidamos desenvolver actividades que xeren recursos económicos e usar os remanentes. Se se derroga a Lei Montoro e non se usa o teito de gasto, poderíamos dispoñer de entre 15 e 20 millóns de euros, mais é imprescindíbel que se deixe facer. O Goberno estatal e a Federación de Municipios e Provincias (FEMP) chegaron a un acordo para facer un decreto que ampare o emprego de remanentes mais non se indicou nin de que maneira nin se falou de investimentos produtivos.

Após a crise de 2008, as Administracións locais reduciron a débeda e teñen as contas medianamente saneadas, con capacidade de superávit. Nalgún momento díxose que ían usarse para o Estado. Sería dramático que o Estado se aproveitase dos concellos e nós tivésemos que saír desta crise sen poder usar os aforros que logramos. Dentro das nosas competencias, temos que intentar inxectar diñeiro na economía local.

—Como cre que debe ser o desconfinamento?

Hai que facelo tendo en conta as características de cada territorio, por comunidades autónomas, e en colaboración cos concellos. Non é o mesmo Madrid que Galiza nin Lalín que Vigo nin Pontevedra que Forcarei. Debe haber unha norma para todos e todas, mais o desescalamento terá que ter en conta a incidencia do coronavirus, como está o asentamento desa poboación, as características de cada cidade... pois non é o mesmo manter a distancia social nunha beirarrúa de metro e medio que nunha de tres. Non vale o café para todos. Insisto en que hai que ter conta as características de cada zona e aplicar o sentido común. Que sentido ten que nunha aldea de Navia de Suarna de tres veciños non se poida saír á rúa?

Pontevedra, cos deberes feitos

Lores apunta que é difícil de medir, mais sinala que o coronavirus "ten máis incidencia en grandes cidades, polo maior número de habitantes", mais tamén teñen a ver nesa incidencia as características do espazo e a contaminación.

"Unha poboación altamente contaminada, suxeita a un estrés provocado polo incremento de contaminantes no aire... todo iso afecta á intensidade dos procesos infecciosos respiratorios", di. "Hai un feito que é claro: após mes e medio de confinamento a calidade do aire mellorou porque desapareceu un 80% de tráfico rodado. E nós, aínda tendo os deberes feitos, notámolo.

Outra cousa xa é a fábrica contaminante que padecemos sobre a ría [di, en alusión a Ence], mais en Pontevedra cúmprense os parámetros de calidade do aire que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS)", advirte.

Comentarios