Os Sobreirais do Arnego, no Deza, en perigo polo proxecto eólico Zamorra

Sobreirais do Arnego, na comarca do Deza (Foto: Adega).
A campaña #TiPodesParalos ten como obxectivo recadar os fondos necesarios para a interposición de recursos contencioso-administrativos “contra o actual modelo eólico depredador e insustentábel promovido pola Xunta da Galiza”.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) chama á colaboración da cidadanía a través da campaña de doazóns #TiPodesParalos para emprender accións xudiciais fronte a un novo proxecto eólico autorizado, o de Zamorra, no concello de Agolada.

A campaña #TiPodesParalos ten como obxectivo recadar os fondos necesarios para a interposición de recursos contencioso-administrativos “contra o actual modelo eólico depredador e insustentábel promovido pola Xunta da Galiza”.

O parque eólico Zamorra, impulsado pola empresa Green Capital Power, “proxecta un total de 7 aeroxeradores de 200 metros de altura ente dous espazos da Rede Natura e as súas áreas de ampliación: a Zona de Especial Conservación (ZEC) Sobreirais do Arnego e a ZEC Serra do Careón”, indican desde Adega.

A disposición deste proxecto xunto co proxecto eólico Estivada, que Adega tamén procura recorrer no Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), creará un "efecto barreira" para a translación de avifauna ameazada entre estas áreas, con posíbel presenza de tartaraña cincenta e gatafornela.

Así mesmo, “este polígono compromete seriamente a viabilidade de varias explotacións agropecuarias e a calidade das augas de consumo dunhas aldeas que, ademais, foron historicamente agraviadas polos abusos das grandes eléctricas (co encoro de Portodemouros e outros proxectos eólicos en funcionamento)”, acrecentan.

A riqueza natural da zona, engaden, ademais da posíbel fragmentación artificiosa co parque eólico Estivada, leva a Adega a impulsar esta campaña de recadación colectiva cun obxectivo mínimo de 6.500 euros, estabelecido en dous retos correspondentes ás distintas fases de acción xurídica: en primeiro lugar, a presentación por parte de Adega do recurso de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental e en segundo termo, a interposición do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, así como a solicitude de paralización cautelar.

A campaña

A campaña #TiPodesParalos reuniu até o momento máis de 170.000 euros, un “fito de recadación solidaria para o movemento ecoloxista a prol dunha transición enerxética xusta e sustentábel”. Os últimos desafíos en superar os seus obxectivos de recadación para poderen ser recorridos nos tribunais foron os parques eólicos proxectados sobre Ancares, Courel e Macizo Central.

Con eles, xa son un total de 25 os polígonos que Adega recorrerá vía contencioso-administrativa no TSXG. A organización ambientalista chama agora a facer un último esforzo para conseguir os fondos necesarios para poder impugnar tamén os proxectos Estivada, Zamorra e Paraño Oeste (para este último tan só resta un día de prazo).