O Seprona denuncia Norvento tras precipitarse unha pedra de 14 toneladas no monte Acibal

Rocha atopada por veciñanza da contorna do monte Acibal, dunha masa estimada de 14 toneladas e con buracos para ser dinamitada. (Foto: Amil Sen Eólicos)

A Xunta da Galiza estuda tomar medidas e Norvento afirma que "non moveu pedras" dese tamaño desde setembro

O Servizo de Protección á Natureza (Seprona), dependente da Garda Civil, denunciou Norvento ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética da Consellería de Economía da Xunta da Galiza tras o achado dunha pedra de gran tonelaxe, dunhas 14 toneladas, no monte Acibal, a uns 200 metros das obras dun polígono eólico.

A documentación, segundo confirmaron fontes da Consellería de Economía, foi recibida esta mesma sexta feira e agora abriuse o proceso para estudar en detalle a información recibida e, se procede, activar medidas contra a empresa que obra nese lugar, Norvento. Precisamente, esta empresa asegura que desde o mes de setembro non fixo movemento de pedras dese tamaño.

O colectivo Amil sen Eólicos e Colectivo do Vento informaron ao Seprona da existencia dunha pedra de granito de grandes dimensións. As persoas que recollen a denuncia explican que a pedra, cun peso estimado de 14 toneladas ‑segundo as súas estimacións‑, "rodou descontroladamente monte abaixo até chegar aos 215 metros do límite das obras", xusto debaixo da explosión que voou polo aire o Coto do Mouro, segundo sinalan.

No camiño percorrido pola pedra, destruíronse xestas de até catro metros de altura "coma se fosen palla", segundo a descrición da veciñanza, que indicaron que a pedra atravesou ata dous camiños de monte.

Denuncia de Seprona

Os efectivos do Seprona elaboraron un informe que incluiría que esta pedra de grandes dimensións desprazouse monte abaixo uns 200 metros e que foi freándose grazas á propia vexetación. Este documento, que equivale á formulación dunha denuncia, foi remitido á Dirección Xeral de Planificación Enerxética, como organismo que sería o competente para instruír o expediente sancionador, no seu caso.

Mentres, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais recibiu na mañá desta sexta feira o informe de Seprona respecto diso deste asunto. Ademais, lembrou que a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) contempla medidas correctoras para evitar o desprendemento e/ou proxección de materiais en obra.

Deste xeito, en caso de producirse arrastres, "deberán ser retirados e depositados nun lugar autorizado e a zona devolta ao seu estado orixinal", ou ben "facer unha proposta de actuación alternativa, se esta retirada non fose viábel por algunha razón", a cal ten que ser validada, en todo caso, pola Dirección Xeral ou polos servizos territoriais, segundo se considere máis procedente.

En todo caso, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais "está a analizar a documentación recibida para adoptar as medidas oportunas, de ser o caso", segundo confirmaron as mesmas fontes.

“Non se moven pedras desde setembro”

En canto á empresa Norvento, fontes da mesma indicaron que na quinta feira 29 de febreiro recibiron a axentes do Seprona nas obras do parque eólico de Acibal en relación ao achado da pedra. O seu labor consistiu en inspeccionar a zona xunto ao xefe de obra e realizar o informe sobre terreo, así como notificalo á propia empresa.

Norvento indicou que desde o mes de setembro "non realizou na contorna de Acibal ningunha mobilización de pedras de gran tamaño para facilitar os labores de construción do parque eólico". As obras de construción do polígono eólico do monte Acibal foron suspendidas preventivamente en outubro de 2023