O sector do mexillón exixe a dimisión da conselleira do Mar e convoca unha concentración

Batea de mexillón. (Foto: Nós Diario)
Pretenden denunciar a inacción da Xunta no conflito aberto entre os bateeiros e os percebeiros pola extración da semente

Asociacións e colectivos do sector do mexilón exixiron esta terza feira a dimisión da conselleira  do Mar, Rosa Quintana, pola súa xestión do conflito da semente do mexillón

Tamén anunciaron a convocatoria dunha concentración este sábado en Santiago, que coincidirá coa toma de posesión de Alfonso Rueda como novo presidente da Xunta.

Pretenden denunciar a inacción da Xunta no conflito aberto entre os bateeiros e os percebeiros pola extración da semente.

Ademais da dimisión de Rosa Quintana, exixen tamén a da directora xeral de Desenvolvemente Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo.

Acúsanas de xerar "unha problemática que nunca existira en 70 anos de existencia de bateas" nas costas galegas.

Neste sentido, culpan a Xunta de deseñar "uns plans que xeran graves prexuízos para o sector e que están baseados nuns informes que nunca puideron ser contrastados".

Última proposta da Xunta

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, e o subdirector xeral do Servizo de Gardacostas, Lino Sexto, mantiveron o pasado 22 de marzo un encontro con representantes do sector do mexillón da Galiza no que lle entregaron o borrador de orde elaborado pola Xunta para regular a extracción de semente de mexillón -mexilla- en bancos naturais.

Con esa proposta de nova norma, a Consellaría do Mar argumenta que pretende "garantir a explotación sustentábel dos recursos mariños, a adecuación do proceso produtivo ás demandas do mercado, a mellora da trazabilidade da semente de mexillón e a incorporación das últimas tecnoloxías á xestión administrativa desta actividade".

O obxectivo, segundo indican desde o Executivo galego, é "seguir analizando o texto co sector e introducir as suxestións e propostas que se consideren oportunas para mellorar a regulación da actividade".