A Xunta aclara que os niveis de restricións só se empregan de maneira informativa

Mapas de Sanidade cos niveis de alerta a 22 de outubro de 2020 (Imaxe: Sergas).
Un concello que a Xunta sitúa no nivel de alerta verde, o 0, tiña xa a pasada semana restricións do nivel 2. As mesmas que pode ter un concello no nivel de alerta vermella, o 4. Esta falta de correlación entre os niveis de alerta e os de restricións está a xerar confusión na poboación. Agora, a Xunta terá que adaptalos ambos niveis aos criterios acordados entre as autonomías e o Ministerio de Sanidade.

 

Un municipio pode estar situado no nivel de alerta 3 da Xunta, representado en cor vermella, e non obstante ter as mesmas restricións que outro no nivel de alerta 1, en cor verde. Esta falta de correlación entre os niveis de alerta e os niveis de restricións, unha clasificación que a Administración galega comezou a empregar hai unhas semanas, está a causar confusión na poboación.

Unha confusión que pode aumentar cando a Administración galega se adapte aos niveis de alerta, con criterios comúns de actuación, aprobados onte polo Consello Interterritorial coa votación a prol da Xunta. Nel desbotouse, polo momento, a aplicación dun toque de recoller.

Un mapa orientativo

Até que a Xunta proceda a aplicar estes novos niveis, os mapas como o da imaxe son o máximo nivel de desagregación de casos novos que ofrece á poboación. Reflicten o número acumulado de novos casos confirmados por proba PCR nos últimos 7 días e máis nos últimos 14 días. Sanidade liga ese número a catro niveis de alerta: o 0, en cor verde; o 1, en amarela; o 2, en laranxa; e o 4, en vermella.

Os mapa de niveis de alerta foi a máxima desagregación que publicou a Xunta

Para asignar unha cor fixáronse limiares que varían en función da poboación. Os municipios de menos de 50.000 habitantes sitúanse no nivel 0 se teñen menos de 7 casos, no 1 se teñen entre 7 e 13, no 2 se teñen entre 14 e 20 e no tres se teñen máis de 21 casos novos sobre o conxunto de habitantes. Para os concellos de máis de 50.000 persoas os limiares fixáronse en menos de 28 casos, entre 28 e 55 casos, entre 56 e 111  ou máis de 112 por cada 100.000 habitantes. 

Parámetros da Xunta

Que Teo ou Monforte avanzasen onte ao nivel 3 de alerta non implica que a Administración galega lles aplique novas restricións automaticamente e aí radica boa parte da confusión da cidadanía. A maiores, dáse o caso de concellos como A Arnoia, en cor verde desde hai tres semanas, que encadea desde o 7 de outubro medidas máis estritas que outros nese nivel como A Pastoriza ou Vimianzo.

Daquela, por que as restricións no municipio de A Arnoia? A resposta figura, en parte, nas ordes do Diario Oficial da Galiza (DOG) do 7, 14 e 21 de outubro. Nelas o comité clínico e Sanidade xustifican as restricións na comarca do Ribeiro, á que pertence este concello, por varios motivos. Entre eles, a situación epidemiolóxica da comarca, na que preocupan determinados grupos de idade en Ribadavia ou Leiro, a interrelación da poboación dos concellos entre si ou súa proximidade con Ourense, cunha mala evolución.

Así pois, non só se ten en conta a situación da Arnoia para determinar restricións. Tamén a dos municipios da súa contorna e a relación que gardan entre si a nivel, por exemplo, de mobilidade. O fechamento dos concellos de Ourense e Barbadás obedeceu, precisamente, a tratar de rachar con parte deses desprazamentos e limitar a "irradiación" do virus.

Sanidade non detallou os parámetros que baralla o comité clínico

Como explicou o conselleiro de Sanidade , Julio García Comesaña, os parámetros que baralla o comité clínico da Xunta  inclúen até dez cos seus correspondentes indicadores. Nin o conselleiro nin a Xunta aclararon cales son. De novo a resposta está no DOG, no que Sanidade xustifica as restricións recollidas nas súas ordes a unha serie de parámetros. Entre eles, a incidencia acumulada de casos por cada 100.000 habitantes a 3 días, 7 días ou 14 días; os gromos ou a ocupación hospitalaria.

Mais tamén, como se exemplificou no caso da Arnoia, a localización xeográfica. E a demografía. Na comarca do Carballiño, que reúne os tres municipios coas restricións máis estritas do Estado, Sanidade fai alusión ao impacto do virus nunha poboación moi envellecida. E advirte que un maior nivel de contaxio en idades avanzadas pode influír nas taxas de hospitalización da área sanitaria. En troques, na comarca da Terra de Celanova sinala a afectación na poboación nova "cunhas características de presentación da Covid-19 (con maior probabilidade de non desenvolver sintomatoloxía) que pode facilitar a transmisión". 

Niveis de restricións

Que relación gardan estes parámetros cos que a Xunta deu en denominar niveis de restricións? Segundo explican fontes de Sanidade a este medio, estabelecéronse para explicar dunha maneira máis sinxela á poboación as limitacións vixentes. Porén, a Administración galega non recolle en ningunha publicación oficial en que niveis se pode situar un municipio e que restricións se lle aplican en cada caso.

Esas mesmas fontes sinalan que até o momento só sitúan os municipios en tres niveis de restricións. O nivel 1, ao que Sanidade non fixera alusión nos seus comunicados, é no que se situaban a maior parte dos municipios que esta semana avanzaron até o nivel 2. Non existe ningún nivel máis alá do 3, se ben non se descarta. 

Modificacións estatais

Agora, e a raíz do acordo do Consello Interterritorial, Sanidade terá que modificar os niveis de alerta, asociándoos aos parámetros acordados entre o Ministerio de Sanidade e os seus homólogos a nivel territorial. O obxectivo é que todos os territorios comuniquen de maneira homoxénea unha serie de indicadores sanitarios, cun marco común para a súa comprensión.

Os niveis de alerta da Xunta, por exemplo, limitábanse aos casos confirmados por PCR e calculábanse de maneira distinta segundo o nivel de poboación. O Ministerio de Sanidade propón tamén catro niveis de risco que asocia a oito indicadores principais. Un deles é a incidencia acumulada en 7 e 14 días, pero por cada 100.000 habitantes e con distintos limiares que os da Administración galega.  

O Ministerio engade esa incidencia pero en maiores de 65 anos anos, a porcentaxe de PCR positivas do total feitas, a porcentaxe de casos das que se pode determinar a orixe ou a ocupación hospitalaria. Estes parámetros son similares aos que  Consellaría de Sanidade manexa nas reunións do comité epidemiolóxico. Da mesma maneira, o Ministerio propón que se valoren de maneira  conxunta en combinada os parámetros para decidir un cambio de nivel, como tamén estaba a facer a Xunta.

A proposta estatal inclúe a posibilidade de que nas unidades territoriais de menos de 10.000 habitantes, como moitos dos municipios galegos, se realicen agrupacións para os niveis e restricións, poñendo por exemplo a comarca. Nestes territorios o Ministerio introduce outros parámetros, como a proporción de casos novos asociados a gromos.

En canto ás medidas, a nivel xeral proponse limitar ao máximo os contactos sociais nas áreas cun nivel máis alto de alerta. Nese caso o Ministerio propón un límite de 6 persoas en reunións sociais. Agora, os territorios terán que adaptar eses niveis e restricións. Por exemplo, volvendo á Galiza, a Xunta xa adoptou a redución dos encontros en vivendas a 5 persoas, mesmo en concellos que sitúa no nivel 2 de alerta.