Un vaivén de criterios para novos límites fronte a Covid-19

Persoal sanitario toma mostras a unha muller para a realización dun test de antíxenos (Ricardo Rubio / Europa Press).
A decisión de Sanidade de estender a todos os municipios do Estado de máis de 100.000 habitantes restricións de movemento e actividade cando superen os 500 casos de incidencia acumulada nos últimos 14 días, permite observar máis de perto os criterios empregados pola Xunta para impor os seus propios límites en localidades moito máis pequenas. O Goberno galego dá a coñecer as regras de xogo, pero non divulga de forma directa os datos que precipitan as súas decisións.

O Ministerio de Sanidade converteu esta semana a taxa de incidencia acumulada de 500 casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días no indicador de referencia para aplicar medidas de restrición social máis severas. O obxectivo, frear o avance do novo coronavirus.

Ese limiar que o ministro Salvador Illa ofreceu inicialmente á Comunidade de Madrid para limitar a mobilidade en determinadas áreas do seu territorio acabouse estendendo ao resto do Estado após o envite da presidenta Isabel Díaz Ayuso, quen avogou por trasladar a todos os municipios de máis de 100.000 habitantes as mesmas condicións que o Executivo de Pedro Sánchez quería impor para Madrid.

Así, a pasada terza feira, ambas as dúas Administracións alcanzaron un principio de acordo sobre os criterios que mostrarían onde e como aplicar novas restricións. Uns principios que permiten confinar Madrid pero que Sanidade concedeu impor con carácter xeral en todo o territorio estatal como pedía o Goberno de Ayuso, quen, por certo, acabou por opoñerse a aplicar as medidas aprobadas no Consello Interterritorial de Sanidade tamén co voto en contra da Galiza, Catalunya, Andalucía e Ceuta.

Os criterios do Estado

Segundo recolle o Boletín Oficial do Estado do primeiro de outubro, as limitacións de actividade, reunión e mobilidade fixadas por Sanidade afectarán ás cidades de máis de 100.000 habitantes que cumpran tres criterios: unha incidencia acumulada por riba dos 500 casos nos últimos 14 días, unha taxa de positividade das PCR realizadas superior a 10% e unha ocupación das Unidades de Coidados Intensivos de máis de 35%. Tres condicións que a estas alturas da segunda vaga da Covid-19 só reúnen os 10 municipios madrileños de máis de 100.000 habitantes: Madrid, Móstoles, Alcalá de Henares, Fuenlabrada, Leganés, Getafe, Alcorcón, Torrejón de Ardoz, Parla e Alcobendas.

O prazo estabelecido polo Goberno para acatar a resolución do Consello Interterritorial, de obrigado cumprimento mesmo para quen votou en contra das medidas, rematou a pasada medianoite. E malia que finalmente, Díaz Ayuso asegurou que respectará a norma de maneira estrita, tamén consumou o recurso da orde ministerial ante os tribunais, como dixo que faría.

Na práctica, máis aló das tirapuxas entre a Administración do Estado e a Comunidade de Madrid, a norma é a mesma para todo o Estado e obriga a todos os concellos de máis de 100.000 habitantes que superen os tres indicadores marcados por Sanidade a limitar a mobilidade da súa veciñanza, as reunións sociais e a capacidade de comercios, bares restaurantes, lugares de culto e instalacións deportivas, entre outros estabelecementos.

Os criterios galegos

Na Galiza, só tres cidades teñen unha poboación tan alta: A Coruña, Vigo e Ourense. A Xunta vén de levantar as restricións específicas que pesaban sobre na Coruña para igualalas coas do resto do territorio. A decisión do comité clínico responde ao feito de que "as taxas acumuladas a tres, sete e 14 días baixan a respecto das dúas semanas anteriores e aalcanzan, ademais, valores que están xa por debaixo da taxa acumulada total da Galiza a tres, sete e 14 días", uns valores que a Consellaría de Sanidade non divulga de forma directa, mais que si figuran en informes elaborados por outras fontes a partir dos datos trasladados pola propia Administración e que o Ministerio de Sanidade sitúa en 111 casos por cada 100.000 habitantes.

O Goberno galego non ofrece os datos concretos que emprega para decretar novas restricións a nivel galego, comarcal ou municipal, mais ante a orde de Sanidade para actuar nas grandes cidades en caso dun avance descontrolado do novo coronavirus, Alberto Núñez Feixoo sinalou a improvisación e a falta de precisións con que foron elaborados os criterios, "deseñados" de forma concreta para Madrid, e non para exportar a outros territorios.

Neste sentido, Sanidade defendeu que "a liña de traballo que vén desenvolvendo o comité clínico de expertos segue os mesmos criterios, tanto para concellos de poucos habitantes como para as grandes cidades da Galiza, incluídas as de máis de 100.000 habitantes". De aí que considere "incompleta" a proposta do Estado, que obvia indicadores como "a vulnerabilidade, a porcentaxe de positivos sobre corentenados, a presión hospitalaria ou a situación das urxencias".

Restricións na Galiza 

E malia a importancia destes datos para tomar decisións que afectan directamente á cidadanía, a Xunta non comunica as cifras que usa para limitar a actividade e os desprazamentos de determinadas localidades; ademais de defender para Galiza criterios máis estritos que tratan de impor nas áreas de Madrid con maior incidencia de coronavirus, que si poden acceder en aberto aos detalles da súa evolución epidemiolóxica por municipios e distritos.

O 6 de xullo, a Xunta confinou ao redor de 71.000 persoas veciñas de 14 municipios da Mariña cunha incidencia de 155 casos por 100.000 habitantes. A finais de agosto, aínda co ocio  nocturno e dos centros de día fechados A Coruña, a suba de casos activos de coronavirus en Lugo levou a Xunta a activar medidas restritivas, máis extremas no barrio da Milagrosa. No pico máis alto a incidencia acumulada chegou a superar os 600 casos por 100.000 habitantes, segundo recolle un auto xudicial do 25 de setembro no que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza ratifica as medidas impostas por  Sanidade no municipio, á vista das cifras alcanzadas nas semanas previas trasladadas pola Asministración.

Xunta acaba de decretar medidas máis severas para a cidade despois de manter Verín e sumar o Barco de Valdeorras á lista de localidades con medidas especiais.

"No informe de seguimento observouse que o número de casos segue ascendendo, alcanzando a taxa acumulada unha cifra que supera os 600 casos por 100.000 habitantes. Nos últimos 14 días produciuse unha incidencia global en toda a comarca de 218,6 fronte aos 254,8 da semana anterior, destacando a maior taxa concentrada en Lugo cunha cifra de 241,2 casos".

Ás portas do San Froilán, e xa por baixo dos 200, segundo fontes do Concello, as limitacións en eventos, bares e xuntanzas mantéñense ante o risco de incremento de reunións e festas familiares que poidan agravar a situación, moi complicada na área sanitaria de Ourense, onde a Xunta acaba de decretar medidas máis severas para a cidade despois de manter Verín e sumar o Barco de Valdeorras á lista de localidades con medidas especiais. Neste caso, a Administración tivo en conta a alta incidencia acumulada nunha poboación de 14.000 persoas mais tamén o número de focos activos  e o número de PCR positivas entre os contactos estreitos dun caso confirmado", o que leva ao Sergas a afirmar a necesidade de "non santificar" a taxa acumulada como único criterio.