Sanidade reclama modificacións legais para facilitar a adopción de medidas fronte á Covid-19

Conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuíña.
Vázquez Almuíña remite unha carta a Salvador Illa cun informe para instarlle a cambiar a Lei de Medidas Espaciais en materia de Saúde Pública.

O conselleiro de Sanidade en funcións, Jesús Vázquez Almuíña, remitiu un escrito ao ministro do ramo, Salvador Illa, acompañado dun informe no que insta a Administración estatal a modificar a Lei de Medidas Especiais en materia de Saúde Pública para que as comunidades autónomas poidan adoptar medidas fronte á COVID-19, “coas maiores garantías xurídicas" e sen ter que recorrer ao estado de alarma.

Solicita a posibilidade de impulsar o confinamento da poboación ou a limitación do dereito de reunión.

O titular de Sanidade refírese, en concreto, ao artigo 3 da norma, sobre as medidas que se poden adoptar para o control das enfermidades transmisoras. Entre outras, solicita a posibilidade de impulsar medidas xerais como cordóns sanitarios, o confinamento da poboación ou a limitación do dereito de reunión.

No texto, Vázquez Almuíña argumenta que, no caso de gozar de carácter xeral, estes mandatos non estarían suxeitas a ratificación xudicial para poder ser adoptadas. Así mesmo, incide en que esta lista de medidas debe ser flexíbel e estar aberta a ampliacións, para se poder adaptar, no futuro, ás necesidades derivadas da evolución epidemiolóxica.

"Seguridade xurídica"

O tituar de Sanidade reiterou a importancia de que as comunidades conten con ferramentas lexislativas "máis aló das autorizacións xudiciais" que ofrezan "seguridade xurídica" á hora de estabelecer medidas ou restricións" no seu territorio co obxectivo de facer fronte á pandemia e a situación sanitaria actual.

A maiores, esta normativa debe definir as competencias estatais e autonómicas mais as medidas que lle corresponderían a cada Administración. Para a Xunta, por exemplo, as accións de control de estradas deberían recaer no Estado, ao tratarse de actuacións xerais que afectan a máis dun territorio.