Así fican as medidas do nivel dous coas que a Xunta procura crear "burbullas" sociais

(Foto: Europa Press)
Sanidade sitúa Galiza no segundo nivel de restricións e eleva a Compostela e a parroquia amesá do Milladoiro ao nivel 3. Porén, a Xunta non ten especificado á cidadanía en que consiste esta clasificación nin como a delimita. O comité clínico afirma que a presión hospitalaria non preocupa, pero si os gromos en círculos familiares e de confianza, que sitúa en 90% do total.

Desde este 22 de outubro, as reunións nas vivendas limítanse a cinco persoas. Un paso máis nas medidas para frear a evolución da Covid-19 na Galiza. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou esta cuarta feira, 21 de outubro, que a decisión ven motivada polos gromos ligados a encontros familiares ou na contorna de confianza, que cifrou en 90% do total.

A restrición apróbase unha semana despois de que a Xunta marcase este límite en 10 persoas, incluídas as convivintes, en todo o país. Sanidade advertiu de que a poboación relaxa as medidas de seguridade neses contextos familiares, como a de portar a máscara. "Contaxiámonos nesas situacións nas que nos relaxamos un pouco porque temos a sensación de que non se van producir contaxios", puntualizou o xerente do Servizo Galego de Saúde, Julio Flores. 

Contaxiámonos nesas situacións nas que nos relaxamos un pouco, di o xerente do Sergas


O responsábel de Sanidade tamén observa con preocupación a hostalaría, outro espazo no que o  tapabocas se retira para comer ou beber. Esta cuarta feira advertiu dunha menor ocupación dos interiores coa baixada das temperaturas. "Sen máscara no interior multiplícase o risco", afirmou García Comesaña. Nesa liña, aprobouse a redución do aforo da hostalaría á 50% en todo o país.

Evolución dos casos

Até esta semana, as medidas tomadas no seo do comité clínico e aprobadas e aplicadas pola  Xunta mantiñan unha vixencia de sete días, pendentes de revisión. Neste caso, o conselleiro de Sanidade adiantou que se tratará de aplicalas durante dúas semanas.

O comité clínico destacou a súa preocupación polo "importante número de casos a diario"

Na súa comparecencia, o comité clínico situou a evolución do coronavirus na Galiza na metade da media estatal, cunha preocupación especial polo "importante número de casos a diario". O total de casos activos ascendía a 5.457, dos cales 447 foran detectados nas pasadas 24 horas, e once falecementos que o conselleiro lamentou. Con 294 persoas hospitalizadas, 48 en Unidades de Coidados Intensivos, o xerente do Sergas asegurou que a presión hospitalaria "non preocupa" mais que non se debe baixar "a garda".  

A maior inquedanza da Xunta sitúase nos municipios que presentan unha peor evolución. É o caso do Carballiño, Boborás ou o Irixio, coas medidas máis restritivas da Galiza, ou Compostela e a parroquia amesá do Milladoiro, que a Xunta situou no nivel 3 de restricións ao tempo que sitúa Galiza no 2. 

Medidas do nivel 2

O mapa da Xunta situaba esta cuarta feira 21 municipios no máximo nivel de alerta, o 4, en canto a índice de contaxios, positividade nas PCR e outros parámetros. Isto non quere dicir que garden unha correspondencia cos niveis de restricións da Xunta, que Sanidade non detallou até o momento. Porén, si tomara as medidas que corresponden ao actual nivel 2 no que se atopa case toda Galiza. Foran decretadas anteriormente en concellos do Salnés, en Lugo ou en comarcas da área sanitaria ourensá.

A fase 2 reduce os aforos e limita as actividades grupais

 Ademais das acotacións ás reunións en vivendas ou da redución do aforo en hostalaría inclúe máis limitacións. O aforo dos comercios e mais dos lugares de culto redúcese á metade.Impóñense limitacións nos asistentes a vodas, con 100 persoas como máximo no exterior e 50 no interior; velorios e enterramentos, con 25 asistentes ao aire libre e 10 en interior, ou encontros deportivos e eventos, con 150 en exteriores e 60 en interiores.

Tamén se reduce o aforo á metade en cinemas, teatros, auditorios, bibliotecas, salas de exposicións ou centros cívicos e sociais. Nestes últimos, as actividades grupais deben reducirse a un máximo de 10 persoas. As mesmas que nas instalacións deportivas fechadas, que non poderán superar 50% do seu aforo. 

Medidas no nivel 3

Estas restricións non afectan de momento aos centros educativos de calquera nivel incluído o universitario. Tampouco aos espazos de traballo, as instalacións das Administracións públicas ou a cursos formativos ou ocupacionais. Nin no nivel 2 nin no 3.Dentro da batería de medidas para dobregar a curva de evolución da Covid-19, Sanidade elevou aos concellos de Santiago de Compostela e a parroquia amesá do Milladoiro a este nivel. Nel xa situara en ordes anteriores aos municipios de Ourense, Barbadás, Vilardevós, Verín, Oímbra, Carballiño, O Irixo, Boborás.

Compostela e Ames son os únicos municipios no nivel 3 sen a mobilidade restrinxida

Nestes municipios, as autoridades sanitarias limitan os contactos nas vivendas exclusivamente ás persoas convivintes. Porén, existen diferencias nas restricións destes concellos, pois Compostela e Ames son os únicos que non viron restrinxida a súa mobilidade. Alén disto, na hostalaría redúcese o consumo ás terrazas, no caso de bares e cafetarías. Nos restaurantes, en cambio, permítese o consumo no local. Tanto en bares como en restaurantes, o número máximo é de 5 persoas, que deben ser convivintes, por mesa*.

Os aforos tamén son máis estritos nestes municipios, incluíndo a todos na fase 3. No caso das vodas redúcense a 25 asistentes en espazos fechados e 50 ao aire libre, mentres que nos velorios diminúen a 10 e 25 respectivamente. Nos enterramentos só poden estar presentes 25 persoas entre familiares e achegadas. Os cines, bibliotecas, salas de exposición ou teatros manteñen a metade do público. Os eventos, congresos ou actos similares poderán xuntar 75 persoas ao aire libre e 30 en espazos fechados.

O alcalde de Costela sinalou que as limitacións a convivintes xeran "as súas contradicións"

O alcalde de Compostela, municipio cunhas das cifras máis altas de contaxios, expresou a súa colaboración "para que as medidas saian adiante". Con todo, Xosé Sánchez Bugallo engadiu que a limitación de reunións a convivintes é unha cuestión "que ten as súas dificultades e xera as súas contradicións". 

Mobilidade restrinxida

Na mesma xornada, os Concellos de Verín, Vilardevós e Oímbra apelaron a súa poboación a "non relaxarse" e "ter moito coidado". A Xunta decretou para estes tres municipios o confinamento perimetral, limitando a mobilidade da veciñanza entre eles. Unha medida que se mantén respectivamente en Ourense e Barbadás, a pesar da súa melloría, e mais no Carballiño, O Irixo e Boborás.

Ourense, Barbadás, O Carballiño, O Irixo e Boborás manteñen o confinamento perimetral

"Os datos mantéñense e non comezan a baixar a pesar das medidas, por iso decidimos aumentar as restricións de mobilidade en Verín, Oímbra e Vilardevós", xustificou o conselleiro de Sanidade. O tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, asegurou que cos 85 casos activos xa o agardaban. Nas pasadas semanas o municipio procedeu ao feche voluntario dos bares, unha medida coa que a poboación se amosou "receptiva". En troques, a alcaldesa de Oímbra amosouse sorprendida, xa que con 17 positivos non agardaba esta limitación. 

Feche no Carballiño

As restricións máis estritas corresponden, non obstante, aos concellos do Carballiño, O Irixo e Boborás na comarca do Carballiño. Neles, o comité clínico decidiu prohibir fechar os estabelecementos e prohibir as actividades non esenciais. "A pesar de ter posto medidas importantes, probabelmente o maior paquete de medidas que se teña posto até agora, vemos que os resultados non se producen", argumentou Comesaña. 

Vemos que os resultados non se producen, advertiu o conselleiro de Sanidade sobre O Carballiño

As alcaldías destes municipios destacaron que, ante o aumento paulatino dos casos, pouco quedaba por facer. Non obstante, expresaron a súa inquedanza polos efectos sobre a economía da comarca. Durante dúas semanas, negocios hostaleiros, cinemas, teatros, ximnasios ou piscinas manterán o cancelo fechado. No caso da hostalaría, permitirase o reparto a domicilio ou a recollida no local para consumir na viveda. Estas medidas afectan a uns 18.000 veciños e veciñas. Porén, a preocupación pola saúde da poboación pesa aínda máis, sobre todo pola súa avanzada idade, polo que os rexedores apelaron á  "responsabilidade" de toda a veciñanza.

As instalacións deportivas e culturais tamén baixarán a reixa no municipio de Tui, neste caso por decisión propia da Administración local. Logo de pasar ao nivel tres de alerta, que non de restricións, e con 32 contaxios o Goberno local remendou a suspensión de actividades en centros culturais privados e pediu "extremar as precaucións". 

*Fe de erros: No artigo incluíuse a limitación, no nivel 3 de restricións, do consumo en bares, restaurantes e cafetarías a persoas convivintes. Foi incluída despois da publicación da orde do Diario Oficial da Galiza (DOG) do 22/10/2020 na que se detalla esta medida.