EXCLUSIVA: Os horrores dos centros de maiores, desde dentro

Unha residente de DomusVi O Barreiro: "Á parte da bazofia que nos dan, pasamos fame"

Unha anciá nunha residencia (Imaxe: Europa Press)
Nós Diario logra chegar a unha usuaria da residencia que DomusVi xestiona no Barreiro, en Vigo, para coñecer a través do seu testemuño directo como é a vida nun dos centros de maiores que máis sufriron os efectos do coronavirus durante a primeira vaga. Foi entón cando faleceron 47 residentes, segundo as contas dos familiares. Denuncia que a comida é insuficiente, ao igual que a limpeza, e problemas na xestión do centro. Publicamos un extracto da reportaxe.

Chamámola Esperanza. É un nome suposto. Queremos garantir o anonimato desta usuaria da residencia que DomusVi, o xigante do sector, xestiona no Barreiro, en Vigo. A súa cabeza está lúcida e a súa voz, dinos, fala por outras moitas compañeiras e compañeiros. O día antes de contactarmos, a través do teléfono, con ela, pasou fame. "Ti concibes que fagan a comida, que a sirvan a unha mesa, despois a outra e que se acabe? Serven dúas mesas do comedor xeral e xa non hai máis comida. Quedou todo o mundo sen comer", relata a usuaria, que paga ao redor de 2.000 euros ao mes por vivir neste centro residencial de 150 prazas.

Dicíame hoxe unha señora: Non pasara nunca tanta fame como a que paso aquí, e foi buscar un bocadillo á cafetaría"

Á cantidade insuficiente súmase a falta de calidade das comidas e ceas. Nos últimos días servíronlles pasteis de verduras, "un noxo". Descríbeo como unha masa de follado cunha "chafallada de verduras refogadas que se desfán". "As xudías non hai deus que as trague. Son redondas, mais quedan, como as patacas, a medio cocer e nin soben nin baixan, fican na gorxa", salienta noutro exemplo. Dura tamén está a carne, "como unha pedra". "Á parte da bazofia que nos dan, aquí pasamos fame. Dicíame hoxe unha señora: Non pasara nunca tanta fame como a que paso aquí, e foi buscar un bocadillo á cafetaría".

Sinala que no comedor non atenden a restrición de alimentos nin as singularidades que marca o médico. Se unha persoa usuaria non pode comer hortalizas ou legumes, non lle dan unha opción alternativa. "Non é a primeira vez que serven algo que che senta como un tiro e, como é obvio, non queres pasar a tarde devolvendo e tomando Almax, preguntas se poden servirche outra cousa e responden que van ir á cociña para ver se se pode facer algo, para que non fiques sen comer. Prométenche un lombo e nada. Quedas sen xantar", denuncia.

"Se algunha de nós protesta contéstannos que en fronte temos restaurantes, que vaiamos comer alí", revela Esperanza.

"A comida é espantosa, pregúntalle a quen queiras", emprázanos. "E mira que hai pescada conxelada, desa que cortan en toros e que non é moi cara. Sabe ben. Podes sacala do conxelador na véspera, bótaslle limón e case non se distingue da fresca, mais aquí usan filetes de pescada e sácanos media hora antes do xantar. Chégannos cortados en anacos", explica. "Unha señora brincaba o outro día: eu aos meus gatos dáballes o peixe así, machucado. Isto é un noxo. Como se atreven a servirnos un prato así?", pregúntase. "Se algunha de nós protesta contéstannos que en fronte temos restaurantes, que vaiamos comer alí", revela Esperanza.

Quen gaña no Barreiro, advirte, é a cafetaría, a onde as persoas usuarias acoden para facerse cun bocadillo. Mais non son de balde, "dous euros ou dous euros e medio, e ao final do mes nótase". As familias, nas visitas, polo protocolo de actuación fronte á Covid-19, non lles poden levar "nin un quilo de pexegos".

Non hai a quen protestar

Non hai a quen protestarlle, "levo sen ver a directora desde hai, cando menos, dous meses; as asistentas sociais tampouco están; na fin de semana o médico non traballa... Aquí non hai quen mande. Non hai quen chame a atención". Tampouco sabe a quen dirixir un escrito, "podes falar coa directora mil veces e nada, non fai caso de nada". "Aí atrás preguntáballe eu a unha compañeira: Estarei ben da cabeza ou serán eles os que o fan mal? Respondeume: Ti estás ben. É isto o que non ten nin dereito nin revés", apunta.

"Os domingos non hai ninguén ao mando ao que pedirlle nada", lamenta

A falta de xestión é tal que "calquera día líanse a puñadas no comedor, onde sempre hai discusións". "Os domingos non hai ninguén ao mando ao que pedirlle nada", lamenta, "se a min non me dá a gana de baixar a cear un sábado ou un domingo, non baixo. Cadaquén fai o que quere. É un cristo".
Non é a primeira vez que Esperanza e as súas compañeiras e compañeiros de planta almorzan -sinala que o almorzo é a única comida que "paga a pena"- pasadas as 11 horas. "Tan tarde xúntansenos as pastillas do almorzo coas do xantar. É un jaleo horroroso". Pensa que é debido á falta de persoal, "hai pouca xente, nas vacacións apenas repuxeron a ninguén".

Até catro horas no chan

A falta de atención ás caídas ten a ver tamén coa falta de persoal. Esperanza narra o caso dunha compañeira que caeu cando foi ao baño de madrugada e pasou catro horas no chan, cun golpe na cabeza. Foi trasladada ás urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e déronlle puntos. "Estivo aquí un matrimonio que acabou marchando porque caeron un par de veces... e, claro, cae unha persoa e hai pouco persoal. O que non leve o punteiro e non lle chegue ao timbre, ten que agardar que a escoiten pedir auxilio; podes estar até catro horas soa no chan", narra.

O que non leve o punteiro e non lle chegue ao timbre, ten que agardar que a escoiten pedir auxilio; podes estar até catro horas soa no chan

Cadeas españolas de televisión emitiron nos últimos días imaxes de usuarios da residencia de Lliria (Valencia), tamén de DomusVi, no chan. Paulino Campos, portavoz da Federación de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia (REDE), afirma que o que aconteceu en Lliria é habitual. A súa nai tamén estivo no chan, desatendida no Barreiro após unha caída no seu cuarto, de 15 horas a 18 horas. "Descubriuna unha amiga visitante, a única que botou de menos a súa ausencia aquela tarde", narra, en conversa con Nós Diario. A nai tiña medicado un hipnótico, Distraneurine, "dos que se abusan en xeriátricos e unidades de psiquiatría para aplacar, distraer, durmir o paciente inquedo ou ansioso, e que produce somnolencia". "Nese estado miña nai caeu no chan cando trataba de deitarse, dominada polos medicamentos, e así estivo as tres horas combatendo coas patas de ferro da cama, e non foi quen de incorporarse, nin houbo ninguén que a auxiliase porque nese andar non había persoal entre horas", denuncia.

O mesmo lle aconteceu ao pai do tesoureiro da Asfareba, Familiares e Usuarios de Residencias e Xeriátricos de DomusVi O Barreiro. Pasou 6 horas, durante a noite, tirado nas baldosas, "de 4 da madrugada ás 10 da mañá, que o recolleu unha muller da limpeza". Tampouco o botaron de menos esa mañá no almorzo, "cando é o primeiro en vestirse ás 8 da mañá como un reloxo de precisión cada día". Ese día, ás 8 da mañá, estaba tirado no chan baixo o peso dun colchón ríxido que lle viu enriba ao regresar á cama despois de ir ao baño.

As mozas traballan como burras e non lles pagan ben

Campos explica que na quenda de 22 horas a 8 horas, en todas as residencias galegas hai tres traballadoras como máximo, cando non só 2, para as 150 usuarias, de aí que sexan frecuentes estes accidentes, que "non son comunicados ás familias salvo cando conclúen co accidentado (ou maltratado) en urxencias co cranio ou a cadeira fracturados", expresa. "Chamámolo, entre nós, 'maltrato institucionalizado': malas prácticas, neglixencias (graves) que se reproducen pola forza do costume, até ficaren 'institucionalizados'", di.

As usuarias son conscientes da carga de traballo das auxiliares: "Traballan como burras e non lles pagan ben", advirte Esperanza, que explica que unha mesma persoa "ten que espertar os usuarios de toda unha planta, dúchaos, vísteos, fai as camas e frega os cuartos... así acaban tan esgotadas". "Para 60 persoas, unha soa moza non dá feito", abunda Esperanza, "a directora aféitase para arriba".

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario do 10 de setembro de 2020, á venda nos quiosques e desde esta noite na loxa. Se queres subscribirte, faino nesta ligazón]