A guerra en Ucraína desata a 'bunkermanía' na Galiza: empresas constrúen refuxios a medida

Un dos búnkeres que ofrece a empresa Underground Buildings a partir de 30.000 euros. (Foto: Cedida)
Hoxe é posíbel construír un búnker nunha casa particular desde 30.000 euros e en menos de dous meses. A demanda destas infraestruturas subterráneas, preparadas para actuar de refuxio en caso de guerra ou catástrofe natural, experimentou nas últimas semanas un incremento considerábel.

Esta quinta feira, 14 de abril, fixéronse 91 anos da proclamación da II República española, unha curta época de progreso que interrompeu o golpe de Estado fascista apenas cinco anos despois. Na Galiza, se ben apenas houbo combates porque as tropas de Francisco Franco se impuxeron cedo pola forza, dando pé a unha sanguenta e cruel represión, a cidadanía estaba preparada para se protexer dos posíbeis ataques.

Daqueles escuros tempos quedan aínda algúns vestixios, como é o caso da rúa Ronda de Don Bosco de Vigo, onde o símbolo pintado na parede dun edificio indica a existencia dun refuxio antiaéreo. Tamén salienta o búnker do monte de San Pedro, na Coruña, que ordenou construír o ditador Miguel Primo de Rivera, mais neste caso con fins "intimidatorios" de cara a posíbeis ataques, e non pensado para acoller civís.

Se callar, o lugar máis emblemático da resistencia antifranquista é a Cidade da Selva ergueita nos montes de Casaio, que xurdiu como asentamento de milicianos galegos e do resto do Estado que loitaban contra o franquismo unha vez rematada a guerra.

Tamén cómpre lembrar o caso de Cambedo, unha aldea da localidade lusa de Chaves que fai fronteira con Oímbra e que en 1946 foi duramente atacada por servir de refuxio de milicianos antifranquistas. Os restos daquel lugar foron descubertos varias décadas despois nunha prospección arqueolóxica.

Constrúa o seu propio búnker

Agora, case un século despois da última guerra que sufriu a Galiza, o temor a un novo conflito a grande escala como foi a II Guerra Mundial está a provocar un 'boom' na construción de búnkeres, un sector que nos últimos anos experimentou un importante crecemento co xurdimento de diferentes empresas.

En 2018 o empresario onubense Francisco Márquez decidiu deixar o sector da construción, ao que se dedicara toda a vida, para ir un paso máis aló: os edificios baixo terra. A súa compañía, Underground Buildings, constrúe búnkeres a medida para particulares.

"Desde que estoupou a guerra en Ucraína en febreiro a demanda medrou 90%, estamos notando o medo que ten moita xente a un posíbel ataque", explica, en conversa con Nós Diario. A Galiza, afirma, é o territorio do que máis chamadas recibe "xunto a Madrid e Catalunya". Porén, rexeita ofrecer datos concretos sobre os refuxios que ten construído no noso país porque "todos os contratos teñen unha cláusula de confidencialidade co cliente".

Construción dos cimentos dun soto. (Foto: Cedida)

O custo da obra varía en función dos materiais empregados, a localización, a orografía e as dimensións do refuxio, e pode alcanzar os dous millóns de euros. Porén, Márquez constrúe tamén búnkeres 'low cost' a partir de 30.000 euros: "Sería un habitáculo de 3 por 4 metros, o que denominamos un 'cuarto do pánico' no que cabería pouco máis que unha cama", indica.

As infraestruturas que constrúe son fundamentalmente de ferro, polo que o proceso de construción non é demasiado longo: "Dependendo das características do terreo e do que solicite o cliente, podemos construílo en dous meses", di.