A redución de frecuencias en Renfe é a queixa máis común no transporte público

Vestíbulo da estación de tren de Santiago de Compostela (Foto: Nós Diario).
A Unión de Consumidores da Galiza (Ucgal) constatou que a situación do tren empeorou tras a pandemia. 

O transporte público sinálase sempre como un dos elementos primordiais para o desenvolvemento económico e social da Galiza e segue a ser un dos puntos que máis queixas provocan por parte da poboación. Sábeno ben na Unión de Consumidores da Galiza (Ucgal) que este mesmo mes presentou as queixas de usuarias e usuarios vulnerábeis que non puideron acceder aos descontos no ferrocarril.

Mais o transporte público tamén é o que se realiza por estrada e, singularmente, as queixas son moi inferiores, unha situación que desde esta entidade non son quen de explicar. 

O secretario xeral de Ucgal, Miguel López Crespo, indica a Nós Diario que as denuncias pola situación do transporte público están a ser múltiples nos últimos meses “e a Xunta arbitral de transportes da Galiza vai lenta”. Pon como exemplo que algúns expedientes sobre este tema relacionados con Renfe “que se puxeron hai meses, aínda comezaban a verse a pasada semana”. 

A problemática do transporte por estrada implica, para esta entidade, unha de cada cen denuncias. “As máis habituais son as que están relacionadas coa supresión de rutas ou de servizos”, informa López. Porén, bota en falta máis queixas no país en situacións como as de mal tempo que poñen en evidencia a anulación de servizos e a incomunicación dalgunhas zonas por causa dos temporais.

“Acontece o mesmo coa enerxía que, como consecuencia de elementos meteorolóxicos, acostuma a sufrir cortes de subministración que deixan sen electricidade durante días parroquias ou concellos enteiros e tampouco é significativo o número de denuncias”, sinala o secretario xeral de Ucgal, “polo que é imprescindíbel a queixa, alén do privado, tamén por outras vías”, engade. 

Renfe e as innovacións

Pola contra, o transporte ferroviario segue a ser o protagonista do malestar da cidadanía. “Aumentaron como consecuencia dos cambios na regulamentación no sector”, opinan desde Ucgal.

Un exemplo próximo no tempo sería o das denuncias por parte das viaxeiras e dos viaxeiros que non puideron facer uso dos descontos que tiñan por ser familias numerosas ou persoas maiores usuarias da tarxeta dourada. Nese caso a opción que se lles daba era mercar o billete ordinario e despois reclamar. 

Porén, esta organización aclara que “a problemática vén de máis atrás”. Aseguran que desde a volta á normalidade tras a pandemia pola Covid-19 os servizos non foron os mesmos.

“Constatamos, polas queixas que recibimos, que nalgúns casos mudaron e reducíronse as frecuencias e noutros houbo cambios horarios que non garanten a posibilidade de acceder a unha parte importante da poboación, como son o de persoal traballador ou estudantes”, relata López. 

As campañas de mobilidade e o acceso ao bono gratuíto, son as causas que explicarían, para a Ucgal, "que se dobrara o número de pasaxeiras e de pasaxeiros”.

Renfe recoñecía onte que a Galiza tivo 4,9 millóns de viaxeiros en 2022 (un 79% máis), incluíndo os servizos de Media Distancia (3,7 millóns), Avant e ancho métrico. O problema, para López,  foi a redución de frecuencias, “un incremento que non puideron absorber e xestionar”. 

Balizas que impiden indemnizacións

Os atrasos na chegada do tren ao destino non sempre teñen dereito a unha indemnización. Renfe devolve 25% do importe do billete se a chegada supera os 15 minutos sobre o horario (50% se é de 30 minutos).

López e a Ucgal trasladaron a demanda de que se contabilice o horario “até o momento de abrirse a porta na estación”; pois agora o servizo ferroviario contabiliza “o paso do tren por unhas balizas que ás veces están a un quilómetro da estación”.