O BNG reclama un "plan extraordinario" de investimentos e unha comisión de seguimento sobre o Corredor Atlántico

Por outra parte, o deputado Néstor Rego rexistra no Congreso unha serie de iniciativas para permitir á Galiza contar cunha tarifa eléctrica propia logo de avogar o Goberno de Aragón pola mesma medida, a fin de "compensar" o impacto das instalacións enerxéticas.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto á deputada Carmela González; o concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, e o responsábel local, Manuel Caride, diante da estación de Guixar, en Vigo, esta segunda feira. (Foto: Europa Press)
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto á deputada Carmela González; o concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, e o responsábel local, Manuel Caride, diante da estación de Guixar, en Vigo, esta segunda feira. (Foto: Europa Press)

O BNG reclamou esta segunda feira que se aprobe un plan extraordinario de investimentos e unha comisión interinstitucional de seguimento para que o Corredor Atlántico de mercadorías pola Galiza torne finalmente en realidade, logo dunha "década de atraso". Así o trasladou a portavoz nacional da formación nacionalista, Ana Pontón, durante unha comparecencia ante os medios que tivo lugar en Vigo, na que insistiu en que a rede de transporte ferroviario de mercadorías é "chave" para a competitividade do tecido produtivo galego. Non se pode aceptar, dixo, que "esa visión centralista que cada vez ten máis peso no Estado" faga que a Galiza "quede atrás".

A respecto diso, e tralo anuncio do nomeamento dun comisionado —após o cumio decorrido en Santiago entre os presidentes da Galiza, Alfonso Rueda; Asturias, Adrián Barbón, e Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco—, Ana Pontón salientou que o noso país "leva unha década de atraso" no que atinxe á súa inclusión nas redes europeas de transporte ferroviario de mercadorías.

Todo iso nun contexto no que o peso deste tipo de transporte é "anecdótico" na Galiza, 4%, fronte á media europea de 17%. Por iso, cualificou como "moi pouco ambicioso" o obxectivo exposto no encontro da pasada sexta feira en Santiago, de chegar a 12 % do transporte de mercadorías por tren en 2040.

En 2013, lembrou a líder nacionalista, PSOE e PP votaron en Europa en contra da inclusión da Galiza na rede, e o Corredor Mediterráneo conta cun comisionado desde 2017. Namentres, para o país acaba de anunciarse un comisionado "de maneira efectista, non se sabe se efectiva", e os recursos para o Corredor Atlántico concentráronse até o de agora en Madrid, Andalucía e Euskadi.

En consecuencia, e logo dunha década de "discriminación", o BNG propuxo a creación dunha "fronte común" entre Xunta, organizacións políticas, sindicatos, universidades e tecido empresarial, "en defensa do Corredor e pola mellora das infraestruturas ferroviarias". Aliás, urxiu un "plan extraordinario" de investimentos, con "cronogramas concretos" para "compensar" esa década de atraso e, así mesmo, "para que non se repitan os erros do pasado", expuxo a creación dunha comisión "interinstitucional" no Parlamento galego, co fin de vixiar o cumprimento dos anuncios feitos, porque os galegos "saben moito de promesas, sobre todo de promesas incumpridas".

Ana Pontón engadiu que a cidade de Vigo tamén debe cumprir un papel importante como "nó de desenvolvemento" nesa rede de transporte de mercadorías, polo que instou a que se fagan realidade proxectos como o saída sur ferroviaria ou a conexión por tren da Plataforma Loxística de Salvaterra As Neves, xa que o porto olívico debe ter un "papel chave na intermodalidade".

Tarifa eléctrica galega

Pola súa parte, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar unha batería de iniciativas para "dotar á Galiza dun sistema propio" a través do que a súa formación denomina tarifa eléctrica galega, "por ser un país produtor excedentario". Faino despois de que o presidente do Goberno de Aragón, Javier Lambán, propuxese reformar a normativa estatal básica de enerxía e aprobar un decreto-lei autonómico para desenvolver un sistema enerxético aragonés coas renovábeis.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

Os nacionalistas galegos levan tempo defendendo a aplicación dunha tarifa "diferenciada" para que o país "poida beneficiarse" da súa condición de produtor excedentario de electricidade e para compensar "os elevados custos sociais e ambientais desa condición". Reclama o "control social e público" do sector enerxético "para garantir que sexa realmente un ben ao servizo da sociedade e non un produto para a especulación".

O Bloque lembra que no acordo de investidura co PSOE foi incorporado por proposta súa o compromiso de que "o Goberno estudará posíbeis compensacións tarifarias ás comunidades produtoras excedentarias de enerxía eléctrica, para abaratar a factura da luz, actuando sobre o custo de transporte, de forma que se compensen os custos sociais e ambientais producidos". "Parécenos ben que valore compensar Aragón, pero o Goberno non pode seguir negando á Galiza o que permitirá a outros territorios do Estado", engade Rego.

Comentarios