A Rede Educativa de Apoio LGTBiQ+ denuncia a “extrema gravidade” da agresión lesbofóbica en Carballo

As integrantes da Rede condenan a dobre violencia exercida contra as persoas que sufren violencia LGTBifóbica e que renuncian a denunciar, por medo a represalias no ámbito familiar.

As 160 docentes, educadoras e educadoras da Rede Educativa de Apoio LGTBIQ+ manifestaron este 20 de novembro, coincidindo co Día Internacional dos Dereitos da Infancia, a súa condena á agresión lesbofóbica que sufriron dúas rapazas de Carballo por parte, presuntamente, de tres menores de idade.

“Queremos transmitir unha especial mensaxe de apoio, solidariedade e agarimo ás dúas mozas”, manifestaron, “asegurarlles que non están soas e que temos o compromiso firme de traballar por educar nos valores de respecto e non discriminación para que o terríbel suceso que sufriron elas non o sufran outras persoas”.

A Rede tamén denuncia a dobre violencia que sofren persoas que, como as rapazas de Carballo, non denuncian por medo a represalias dunhas familias ás que agochan a súa condición sexual e afectiva. “A violencia multiplícase dunha forma extrema, tanto pola brutal agresión pola indefensión que provoca o non poder exercer o seu lexítimo dereito á denuncia”. Así mesmo recordan que estas situacións supoñen “unha vulneración gravísima dos dereitos da infancia e de non discriminación por situación sexual.  

“Desde a Rede queremos incidir na necesidade de formación obrigatoria, real e efectiva en diversidade sexual, de identidade de xénero e familiar de toda a sociedade, especialmente no sistema educativo, para erradicar toda a conduta discriminatoria e violenta”, salientan. Educación que trasladan non só aos centros, senón tamén ás Escolas de Pais e Nais.

A Rede reclama a maiores unha ampliación e mellora da Lei LGTB galega, “que garanta a atención e protección das e dos menores en todos os ámbitos, especialmente a non ser maltratadas ou maltratados pola LGTBIfobia exercida no ámbito familiar”.