Piden a retirada da propaganda anti LGTB de Hazte Oír colocada en varios institutos da Galiza

Imaxe dunha campaña anterior de Hazte Oír

A Rede Educativa de Apoio LGTB da Galiza, na que se integran 85 docentes e profesionais da educación, pide á Consellaría de Educación que inste os centros a retirar a “propaganda falaz” deste colectivo.

Hazte Oír é unha das principais voces dese sector social que, desde posicións conservadoras e relixiosas, ve o avanzo dos dereitos LGTB como unha ameaza. Unha asociación “de extrema dereita”, como a cualifica a Rede Educativa de Apoio LGTB da Galiza, cuxa propaganda apareceu en diversos centros de ensino do país.

“Propagandas solicitando o chamado pin parental e cuestionando o ensino que cumpre coa normativa vixente neste país”, advirten desde esta Rede, composta por 85 docentes e profesionais da educación de toda Galiza que traballa pola defensa da diversidade afectivo sexual e de xénero e a supresión do acoso escolar por LGBTfobia. Piden á Consellaría de Educación que inste as equipas directivas dos centros de ensino onde apareceu esta propaganda a que a mesa sexa retirada por ser “falaz” e mesmo “anticonstitucional”.

Esta Rede lembra que o marco educativo vixente reafirma o dereito do alumnado a recibir formación en valores que apelen “á convivencia, a tolerancia e a non discriminación por cuestión de identidade de xénero ou orientación sexual”.