Avante LGTB denuncia unha agresión homófoba en Redondela

Unha persoa que combinou cun mozo a través de Grindr atopou ao chegar ao lugar da cita un grupo de rapaces que o insultaron e arreboláronlle diversos obxectos, denuncia este colectivo.

Avante LGTB informa que recibiron unha denuncia anónima que daba conta da existencia dunha agresión homófoba en Redondela. Segundo informa este colectivo nun comunicado, “a vítima quedou cun mozo por Grindr - aplicación móbil de cita e contactos para homes - nun portal da vila, á que se tivo que desprazar no coche. Ao chegar alí atopouse cun grupo de mozos que lle comezaron a tirar cousas e a berrar insultos homófobos”.

 

Avante LGTB sinala que “a estratexia de suplantación en aplicativos de ligue é empregada en varios paises para "cazar" a persoas LGTB. Esta situación converte o que era un espazo de seguranza nun espazo no que as persoas LGTB xa non poden sentirse a salvo de agresións”.