Orgullo LGTBI

Os colectivos LGTBI esixen ás administracións ir alén das mostras simbólicas

Manifestación do Orgullo en Compostela o 28 de xuño de 2019 [Imaxe: Avante]

A Galiza acolle esta fin de semana múltiples actos e mobilizacións con motivo do Día do Orgullo LGTBI cadrando ademais co 50 aniversario da revolta de Stonewall. Os actos reivindicativos comezaron en Compostela onde colectivos LGTBI denunciaron as trabas que as persoas trans atravesan para obter o documento de identidade que reflicta, precisamente, a súa verdadeira identidade.

As mobilizacións reivindicativas iniciaron esta sexta feira na Galiza con motivo do 50 aniversario da revolta de Stonewall que deu lugar á reivindicación do Día do Orgullo LGTBI. Asociacións como Avante, Nós Mesmas ou Arelas convocan as mobilizacións que este 28 e 29 de xuño percorren as cidades galegas.

"Reclamamos cambios que melloren a nosa calidade de vida, e querémolos xa. Nin un paso atrás!" foi a proclamada pronunciada esta sexta feira 28 de xuño na Praza do Obradoiro polos colectivos Amizando, Ultreia e Arelas nun acto en que tamén participaron autoridades compostelás como o propio alcalde da capital galega, Xosé Sánchez Bugallo; o portavoz de Compostela Aberta, Martiño Noriega, e a portavoz do BNG, Goretti Sanmartín. Na conmemoración non participou ningún membro do PP.

Os colectivos LGTBI deron lectura a un manifesto co que se esixiu "rapidez e determinación" por parte dos concellos ante unha Xunta que sitúa Galiza á cola do continente en dereitos e liberdades afectivo sexuais. Denunciouse así mesmo a violencia que se exerce contra as persoas LGTBI e o sistema cisheteropatriarcal que se reproduce de cotío.

"Unha violencia que continúa na procura de traballo, abocada ao fracaso como demostran uns niveis de paro superiores ao 80% para as persoas trans", denunciaron a través do manifesto no que sinalan que estas violencias poderían comezar a combaterse eliminando as trabas existentes para a obtención do documento de identidade que reflicta a verdadeira identidade das persoas e non a imposta polo sistema.

Esta sexta 28 de xuño saen as mobilizacións ás rúas da Coruña desde o Obelisco ás 20:30 horas da man de Alas Coruña, Les Coruña, Orgullo Coruña e Casco. En Lugo a mobilización terá lugar na Praza da Horta do Seminario ás 19:30 baixo a convocatoria de Avante LGTB, en Ourense organiza a Asembleia Orgulho Ourense na Praza de San Marcial e na cidade de Pontevedra a concentración é ás 20 horas na Peregrina, organizada tamén por Avante. En Compostela arrinca ás 20 horas desde a Praza 8 de marzo baixo a convocatoria de Avante, Arelas Asociación de familias de menores trans e AmiZando.

O sábado 29 será a quenda de Ferrol, cunha mobilización convocada por Avante e apoiada pola Marcha Mundial das Mulleres ás 12 horas desde a Praza Amada García, mentres que en Vigo a Asociación feminista NósMesmas organiza a anual e masiva manifestación do Orgullo que arrinca ás 20.30 horas da Praza da Pedra.

Medio século de orgullo

Faise medio século desde que na madrugada do 28 de xuño de 1969 aconteceu a revolta de Stonewall Inn, un bar do barrio Greenwich Village de Nova Iorque. Alí comezou un levantamento levado a cabo por persoas negras, trans e migrantes, contra a violencia, abusos e persecucións que padecían a diario pola policía.

O Día do Orgullo LGTBI reivindica aquela data que supuxo a rebeldía, a denuncia e o inicio da visibilización das demandas das persoas LGTBI nos espazos públicos e privados.

Unha revolta que a día de hoxe continúa sendo necesaria en todo o mundo, nada da loita de clase, do antirracismo e do feminismo para mudar o derrubar o cisheteropatriarcado e erguer sociedades libres.