“O discurso de odio tamén cala no alumnado”

A propaganda lgtbifóbica de asociacións como Hazte Oír ou os dicursos das forzas de extrema dereita, que copan cada vez máis espazo nas televisións e nas redes sociais, calan na poboación máis nova. A agresión a dúas rapazas por darse un bico en Carballo por parte de tres menores é a punta dun problema de fondo.

A agresión lgtbifóbica a dúas rapazas en Carballo, que recibiron insultos e golpes por parte de tres menores polos que foron hospitalizadas, non é un caso illado. Tampouco a renuncia a denunciar é infrecuente. “Sobre todo no ámbito rural, nas cidades pequenas, segue habendo moito medo e denuncias que fican silenciadas. Todas as persoas se coñecen e, en moitas ocasións, hai medo polo que dirán”, explica Óscar Rodríguez, técnico do Observatorio coruñés contra a lgtbifobia. Desde o seu nacemento en 2017 e ata decembro de 2018 33 incidentes de odio en Galiza, tanto físicos como verbais.

Ana Ojea é docente e membro da Rede educativa de apoio LGTBIQ+ de Galicia. A Rede denunciou recentemente a propaganda lgtbifóbica da asociación Hazte Oír en centros educativos. “Repartiron sobre 23.000 folletos en todo o Estado, isto amosa o poder económico e de difusión deste tipo de organizacións”.

Ultraespañolismo, xenofobia, lgtbifobia

Ojea sinala que accións como a de Hazte Oír non son casuais. “Chegan cando estamos comezando a traballar co alumnado nos centros”, denuncia. A docente tamén fai referencia ao ascenso das forzas de ultradereita no Estado, cunha grande visibilidade nos medios de comunicación e nas redes sociais. Rodríguez explica que estes partidos “negan ao alumnado a educación na diversidade, que coñezan que existan distintos modelos de familia”. “Iso é moi perigoso”, alerta.

O discurso de odio tamén cala no alumnado, desde e ultraespañolismo até a xenofobia ou a lgtbifobia. O ano pasado, nun corredor do instituto, escoitei un ‘Viva Franco!’ Vemos alumnado que defende os postulados da extrema dereita, e rexeitamento cara a diversidade”, denuncia Ojea. A docente é unha das poñentes das IV Xornadas Diversidade Sexual desde a educación, que comezan esta quinta feira na Universidade de Santiago de Compostela e rematan o sábado. "É fundamental a formación do profesorado para abrir os centros á diversidade", salienta.