Galiza, á cola en localizar a orixe dos contaxios

O rastrexo da Covid aos dous lados do teléfono

Un militar da UME realizando tarefas de rastrexo (Imaxe: Ricardo Rubio/ Europa Press).
O rastrexo de contactos é fundamental para rachar os contaxios da Covid. Na Galiza, está marcado pola opacidade a respecto do seu funcionamento. 'Nós Diario' conversa cunha rastrexadora e con persoas que recibiron este servizo para coñecelo máis polo miúdo.

Ana (nome ficticio) é docente. Hai medio mes presentou síntomas compatíbeis coa Covid-19 e chamou a súa médica de cabeceira. Antes de recibir o seu resultado chamárona do Centro de Seguimento de Contactos (CSC) da Xunta. "Non reaccionei, non quixen dar os datos dos meus contactos porque non sabía se era positiva ou non", explica. Ao pouco recibiu o positivo e unha segunda chamada do CSC.

"O rastrexo funcionou bastante ben, case todos os meus contactos foron localizados por efectivos do Exército", di Ana. "Chamounos a atención que nos empezaron a advertir que se non nos facían segunda PCR pasados 9 ou 10 días a corentena estenderíase a dúas semanas, mais afortunadamente iso non sucedeu", agrega.

O rastrexo funcionou bastante ben, case todos os meus contactos foron localizados, valora Ana

Na primeira PCR de Ana transcorreron menos de 24 horas entre a chamada do rastrexo e o resultado. "Agora, por coñecidos, sabemos que ese tempo está a ampliarse até as 72", asegura. A ela non só a chamaron desde o CSC, senón tamén do servizo de alerta sanitaria da súa área para constatar que o primeiro lle pedira os teléfonos dos seus contactos.

A experiencia de B.A. foi diferente: "Falei coa miña médica, tiña moita, moita febre. Respondeume que agardásemos a ver se aparecían outros síntomas se -dixo que isto era importante-, eu non tivera contacto cunha persoa contaxiada da Covid. Ao día seguinte chamou de novo. Atopábame ben e recomendoume facer vida normal".

B.A. contactara por primeira vez co centro de saúde a cuarta feira, 21 de outubro. A pesar do que lle dixo a doutora, a súa xefa solicitoulle teletraballar até a vindeira segunda feira por precaución. O sábado tiña que acudir a un curso noutra cidade. "Estaba xantando e fóiseme o olfacto de golpe", agrega. Cando regresou ao seu fogar chamou ao teléfono do Sergas. "Todas as liñas ocupadas, tivemos que insistir".

Dixéronme que, aínda que perdese o olfacto, non pasaba nada se non estivera en contacto con ningún positivo, explica B.A.

"Dixéronme que, aínda que perdese o olfacto, non pasaba nada se non estivera en contacto con ningún positivo. Telefonei de novo e reclamei unha PCR", di B.A. Un día despois, domingo, fixéronlla. A casualidade quixo que na segunda feira seguinte, cando tivo que levar o seu compañeiro ao Covid-auto para a súa proba, un rastrexador tratase de contactala. Esa mesma xornada, a médica comunicoulle o seu positivo. 

A incerteza da espera

"Chamei de volta ao rastrexador varias veces sen éxito. Un día máis tarde respondeume e informei das persoas coas que tivera contacto estreito. A unha fixéronlle a proba PCR ao día seguinte, segunda feira", relata. A outra, O.L., decidira confinarse tras coñecer os síntomas de B.A. Na cuarta feira, día 29, chamou ao teléfono do Sergas preocupada porque ningún rastrexador a localizara.

"Pedíronme que seguise confinada mentres agardaba pola chamada. Na sexta feira volvín chamar ao mesmo teléfono e repetiron as instrucións, tomáronme os datos e rexistraron unha incidencia", acrecenta O.L. O domingo repetiuse este intercambio. "Na segunda feira seguinte, no mesmo día que pedín cita co meu médico de cabeceira, chamou un rastrexador e díxome que tiña que gardar corentena cando levaba na casa máis dunha semana", di.

Estiven unha semana na casa sen que ninguén me explicase a miña situación, di O.L.

A O.L. concertáronlle a PCR na segunda feira, 30 de outubro. O médico explicoulle que o resultado era negativo, sumaba dez días confinada e sen síntomas e recibiu alta. Un rastrexador diferente, desta volta do Exército, chamouna pouco despois. "Expliqueille que me reincorporara ao traballo. Entendo que o sistema está saturado, pero por outra parte estiven unha semana na casa sen que ninguén me explicase a miña situación e sen saber se me farían a proba", valora. 

Opacidade sobre o CSC

"Un dos puntos clave" para controlar a pandemia. Con estas verbas referiuse ao rastrexo o xefe do Servizo de Urxencias do Hospital de Pontevedra, Manuel José Vázquez Lima. Fíxoo na súa comparecencia na comisión de reactivación no Parlamento da Galiza o 6 de novembro. "Estou convencido de que é mellorábel", agregou. Unha semana despois, na mesma comisión, o médico de Atención Primaria Miguel del Pueyo alertou de eivas no seguimento de pacientes, "descoordinación" e "falta de resposta áxil" do CSC.

Estou convencido de que é mellorábel, valorou Vázquez Lima sobre o CSC

O rastrexo segue as cadeas de contaxios do coronavirus entre a poboación para tratar de rachalas. A Xunta creou o centro en maio con vinte operadores para participar deste proceso. "Fan o control e o seguimento dos contactos de casos confirmados", dixo Vázquez Lima, engadindo que Atención Primaria atende as persoas cunha proba positiva e Medicina Preventiva "controla os pacientes hospitalizados ou gromos en área hospitalaria".

En xullo, logo de dous meses esquivando as preguntas e a composición do CSC, o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, apuntou a cifra de máis de 6.000 profesionais en tarefas de seguimento. Os interrogantes continuaron procurando máis concreción, con Feixoo e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, evitando ofrecer máis datos.

Este novembro en pleno parlamentar Núñez Feixoo respondeu, a preguntas da oposición, que 700 profesionais "dedican toda ou case toda a súa xornada" ao rastrexo. Matizouse poucos días despois, tras o Consello da Xunta do día 20, englobando nesa cifra o persoal dos servizos de Medicina Preventiva, das xefaturas territoriais", o CSC ou os militares

Detrás do teléfono

Segundo puido saber en agosto Nós Diario, a multinacional Grupo Konecta comezou por atender o teléfono de información da Covid-19 do Sergas e posteriormente puxo en marcha o centro. Sonia, nome ficticio, comezou unha formación en Bergondo hai dous meses, en pleno incremento da incidencia da Covid-19, para traballar para o centro.

"Foi intensiva, cunha duración de dúas semanas, aprendemos que se considera un contacto estreito, os distintos protocolos, que van mudando, e practicamos todo tipo de simulacións", explica. "Un contacto estreito adoita ser unha persoa que permanece xunto a outra contaxiada a menos de dous metros máis de quince minutos, nalgunhas ocasións sen que sexa relevante se leva ou non máscara", di.

Cun contrato de obra e servizo de 39 horas con salario segundo convenio de teleoperadora, traballa desde a casa. Non ten formación sanitaria e asegura non precisala. "Eu chamo aos teléfonos de contactos de casos confirmados, fágolles un seguimento. Tamén xeramos solicitudes de PCR. Se alguén pasa a ser caso confirmado encárgase o Sergas, a interacción que temos con esa persoa limítase a solicitar teléfonos dos contactos estreitos", explica.

Queres continuar coa lectura? Podes atopar o texto ao completo no Nós Diario que estará mañá no quiosque ou na nosa tenda online. Tamén tes a opción de facerte subscritora ou subscritor agora mesmo!