Un membro do comité clínico recoñece "erros de coordinación" no rastrexo do coronavirus

O xefe de Urxencias do Hospital do Salnés e presidente da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES), o doutor Tato Vázquez Lima, na comparecencia no Parlamento. (Foto: Europa Press)
O doutor Tato Vázquez Lima asume que o sistema empregado na Galiza é "mellorábel" e que hai fallos á hora de controlar aos contactos dos casos positivos. Porén, recorda que o comité só ten un papel asesor e non toma as decisións.

Con independencia do bo facer das e dos profesionais de urxencias, e toda a comunidade sanitaria en xeral, da que falou na súa intervención, o doutor Tato Vázquez Lima recoñeceu hoxe no Parlamento que "existen erros de coordinación" no rastrexo dos contactos dos casos positivos por coronavirus.

O presidente da Sociedade Española de Urxencias e Emerxencias (Semes), Tato Vázquez Lima, acudiu a unha comisión da Cámara galega para explicar a situación da pandemia, pois é membro do comité da Xunta para a xestión desta crise. Nesa comisión para a reactivación económica e social após da Covid-19, o facultativo admitiu que o sistema de control dos contactos é "mellorábel".

"Nalgúns momentos existen erros de coordinación", asumiu. O comité conta cun documento que marca que o rastrexo de contactos é competencia da Central de Seguimento do Servizo Galego de Saúde (Sergas), máis médicos de Atención Primaria veñen de denunciar que se eles non piden as PCR non se fan.

Segundo Vázquez Lima, a Atención Primaria "debe ocuparse dos casos confirmados e os servizos de medicamento preventivo deben controlar os pacientes ingresados e se existe un brote nunha zona do hospital".

"Non lle vou a mentir: estou convencido de que é mellorable e que nalgúns momentos existen erros de coordinación", afirmou o tamén xefe de Urxencias do Hospital do Salnés. Así lembrou que o papel do comité asesor é "facer recomendacións" e non decidir as estratexias.

"O cumprimento desas recomendacións non é a nosa misión", dixo.

Todo iso manifestouno despois de que a deputada do BNG Montse Prado criticase que as restricións impostas polo comité incidan no "ámbito invividual", mentres "case o 80%" dos casos teñen unha orixe "descoñecida" porque "non se está facendo un seguimento" dos contactos. Xunto a isto, denunciou que a Xunta se "nega" a dar datos dos seus rastrexadores.