Raquel Gómez, médica internista do Hospital da Mariña: "Este hospital está ferido de morte, precisamos solucións inmediatas"
—Que é o que máis preocupa agora mesmo a unha médica internista do Hospital da Mariña?
As revisións dos pacientes. Eu falo das miñas consultas, pero calquera dos meus compañeiros conta experiencias similares. Estamos atendendo agora nas revisións pacientes de 2023, que levan sen seguimento dous anos facilmente. A problemática disto é múltiple. Por un lado, están os pacientes crónicos con enfermidades e pluripatolóxicos, que precisan dun seguimento estrito para evitar que empeoren e teñan que ingresar. Estes pacientes deixamos de velos, agudízanse antes as doenzas e ingresan moito máis e en peores condicións.
—E nos casos nos que está pendente un diagnóstico?
Eses pacientes pendentes de diagnóstico con síntomas sen nome e apelidos tardan máis en verse aínda, e o que nos estamos atopando son diagnósticos tardíos de patoloxías graves. Falamos de cancros e de patoloxías de todo tipo que vemos con moito atraso e non diagnosticamos a tempo. Iso pasa nas consultas e tamén porque as probas complementarias van moi atrasadas. Súmase o atraso da cita de consulta coa demora da proba e o posterior atraso da revisión da mesma.
—De que sobrecarga falamos no caso de Medicina Interna?
Depende dos facultativos que haxa ese día. A media nun momento normal está entre 12 e 14 pacientes ao día. A nosa sociedade científica di que o óptimo para un internista son 8 pacientes ao día, pola complexidade e o tempo que hai que dedicarlles. Dependendo da época, na Mariña podemos chegar a ver 16 pacientes nun día. Os cadros de persoal están minguados en todas as especialidades do hospital, faltan profesionais a todos os niveis.
—Vostedes están a alzar a voz en defensa da sanidade pública.
Ninguén está pedindo incentivos económicos, non pedimos nada para os facultativos que xa estamos... o que pedimos é que se cubran as prazas e poder traballar de forma óptima para que os pacientes reciban a asistencia. Na sanidade pública hai que garantir a todos os doentes de todos os sitios o mesmo, ten que haber un principio de xustiza e de equidade, e isto non está sucedendo aquí. Os pacientes da Mariña están abandonados, e isto a este nivel non pasa no resto da Galiza. O persoal está moi concienciado, os pacientes ao final son os nosos veciños. O movemento naceu dos facultativos pero confórmano profesionais de todas as categorías, hai un apoio maioritario. Nós damos asistencia pero tamén somos usuarios do sistema, todo o mundo ten un caso entre familia e amigos de xente que leva dous, tres ou catro anos agardando unha proba ou unha consulta.
—O conselleiro de Sanidade foi a semana pasada ao hospital. Houbo algún avance?
Ese foi o primeiro contacto, tivo que pasar un mes para que houbese unha reacción. Valoramos como positivo que o conselleiro se achegase á Mariña e escoitase a situación que atravesamos. As palabras están ben, pero precisamos solucións e ten que habelas xa. Estamos falando da saúde das persoas, e con iso non se xoga. A zona está en crise, o hospital está ferido de morte e é preciso que, ademais de vir aquí, haxa solucións inmediatas.
