As rapazas maiores de 16 anos poderán abortar sen o permiso dos seus pais e nais

Faixa feminista polo dereito ao aborto. (Foto: Nós Diario)
Outra das novidades da lei do aborto será que se garantirá a baixa laboral por causa de menstruación dolorosa, cunha duración de tres días.

O Goberno español aprobará no Consello de Ministras e Ministros da vindeira semana unha nova lei do aborto, que regulará os seus principais aspectos, como a idade de consentimento ou a obxección de conciencia dos profesionais sanitarios.

A principal novidade desta lei, que xa adiantou a ministra de Igualdade, Irene Montero, o pasado febreiro, é que as rapazas que así o desexen poderán abortar a partir dos 16 anos sen necesidade de contar co permiso dos seus pais e nais.

Ademais, o borrador do novo texto legal garante que a práctica do aborto sexa levada a cabo no sistema público de sanidade, e só nalgunhas excepcións en clínicas privadas.

Desta forma, o Executivo pretende conseguir que calquera centro sanitario con servizo de xinecoloxía conte con profesionais que garantan a interrupción voluntaria do embarazo, ao tempo que se segue a respectar a obxección de conciencia.

En canto aos prazos, manteranse os mesmos que até agora: aborto libre até a semana 14; desde esa semana e até a 21, levarase a cabo por causas médicas, se a vida da nai corre perigo ou se o feto presenta malformacións.

Baixas por menstruación dolorosa

Outra das novidades da lei do aborto será que se garantirá a baixa laboral por causa de menstruación dolorosa, cunha duración de tres días.

O borrador da lei recolle que os centros educativos, co obxectivo de facer fronte á "pobreza menstrual", deberán facilitar produtos de hixiene para a menstruación.

Tamén se facilitará o acceso gratuíto a estes produtos para aquelas persoas menstruantes en risco de exclusión social ou que, por exemplo, se atopen en prisión.

Ademais, eliminarase o imposto do valor engadido (IVE) para os artigos de hixiene menstrual, que actualmente se atopa en 10%.