Opinión

Abortar en Lugo

A xornalista María Piñeiro escribía no Progreso unha crónica detallada da situación do exercicio do dereito á interrupción voluntaria do embarazo na provincia de Lugo, área sanitaria coa mesma demarcación, informando de que a metade das mulleres lucenses tiveron que abortar fóra da provincia nos últimos tres anos.

Os datos do Ministerio de Sanidade (últimos de 2020) e do Sergas (de 2019) indican as tendencias xerais, pero a Xunta non ofrece os datos desagregados por centros públicos ou privados, sabendo que a maioría son en clínicas privadas (77,3%).

A xornalista consegue o detalle por distritos sanitarios, amosando que no Hospital de Burela non se practican abortos, por ser todo o persoal de Xinecoloxía obxector de conciencia, o que sitúa as mulleres do norte lugués en vulnerabilidade e con inferioridade de dereitos a respecto de outras galegas.

No caso de Monforte só se practican abortos por indicación médica, co cal, as mulleres do sur que desexásemos interromper un embarazo nas primeiras semanas, nas que só é precisa unha prescrición farmacolóxica, teríamos que desprazarnos a Lugo. E no caso de abortos entre as 8 e 14 semanas, dentro da lei para o aborto libre e gratuíto, non habería opción na provincia de Lugo.

Estamos ante varios problemas estruturais: a falta de transparencia da Administración, a imposibilidade (ou negación) do Sergas de garantir o dereito ao aborto na Sanidade Pública e a desigual garantía do exercicio deste dereito en función do territorio onde vivas.

Dende o fatídico suceso da muller mariñá que perdeu o útero pola tardanza en practicarlle un aborto terapéutico e por derivala a Madrid, avanzouse en garantir o aborto terapéutico dentro do noso país, pero non en dar cobertura xeral ao exercicio deste dereito no ámbito público.

Aínda non están consolidados os dereitos das mulleres cando unha ola conservadora anda polo mundo cuestionándoos: o bo xornalismo en clave de xénero é un dos antídotos contra isto.

Comentarios