Quen é Héctor Moreno? Policía xubilado, torturador e, agora, condecorado polo Goberno español

O policía condenado por torturar Héctor Moreno. (Foto: Europa Press)
O axente foi indultado en 1998 polo Executivo de Jose María Aznar.

O Ministerio do Interior vén de condecorar varios comisarios da Policía Nacional española coa medalla de prata á orde do mérito policial. En concreto, os comisarios Eloy Quirós, Francisco Javier Migueláñez, Francisco López Canedo, Francisco Rodríguez, José María Moreno Moreno, Manuel Páez e Héctor Moreno recibirán esta distinción, a máxima que poden obter, e pola que se lles incrementa 15% as súas pensións de maneira vitalicia.

Cando menos un dos nomes espertou polémica. É o caso de Héctor Moreno, condenado por desenvolver deteccións ilegais e torturas durante 1982. Os axentes que participaron con Moreno nestas torturas tamén falsearon os atestados policiais.

Condenado en 1994, o Goberno español de José María Aznar indultou o axente de policía en 1998, a pesar de que a xustiza considerara comprobado que Moreno torturou e detivo ilegalmente, cando menos, sete persoas.

En 2017, o Executivo de Mariano Raxoi, con Juan Ignacio Zoído como titular de Interior na altura, nomeou este policía xefe da Policía Nacional de Cantabria.

Condecoración do actual Goberno

O ministro de Interior do actual Goberno español, Fernando Grande-Marlaska, aprobou en setembto 2021 a concesión desta condecoración aos comisarios antes nomeados, entre os que sobresae Héctor Moreno.

As demandas presentadas por diferentes sindicatos policiais levaron a que o Xulgado Central do Contencioso-Administrativo número 11 da Audiencia Nacional anulase esta homenaxe, ao entender que ningún deles cumpría os méritos requiridos para recibir estas medallas de prata.

Agora, o Ministerio de Interior, con Grande-Marlaska á cabeza, volveu retomar o procedemento de condecoración destes comisarios xubilados da Policía Nacional española, a pesar dos argumentos esgrimidos pola xustiza contra esta decisión.