Que une o parque de eólica mariña que Capital Energy quere construír a 30 km das Cíes e Florentino Pérez?

Jesús Martín Buezas e Florentino Pérez. (Fotos: Capital Energy/Europa Press)
O presidente da construtora ACS ten un vínculo de proximidade co fundador da compañía enerxética.

Tal e como leva informando Nós Diario nas últimas semanas, a compañía Capital Energy pretende construír un parque de eólica mariña (PEM) flotante en plenas Rías Baixas, a menos de 30 quilómetros das Illas Cíes e do litoral do país, (a 27,9 km da costa da Guarda).

O proxecto, nomeado Volanteiro, ten prevista a instalación de 34 aeroxeradores de 15 MW de potencia e 260 metros de altitude, cunha potencia total instalada de 510 MW. A enerxía producida polos 34 muíños sería conducida a través dunha liña de evacuación polo fondo mariño de 45,4 quilómetros, adentrándose 10 km nas augas do interior da ría de Vigo. Outra liña de evacuación, por terra e de 22,76 km, levaría esta enerxía até a subestación eléctrica de Pazos de Borbén.

Neste sentido, o proxecto garda relación, aínda que sexa de maneira indirecta, co primeiro accionista e actual presidente da construtora ACS, Florentino Pérez. E é que Pérez, un dos empresarios españois con maiores vínculos políticos e cuxa presenza no desenvolvemento das principais infraestruturas da Galiza é manifesta -véxase o caso das autoestradas que conectan o país-, é o antigo sogro do fundador de Capital Energy, Jesús Martín Buezas.

Martín Buezas, cun patrimonio estimado superior aos 500 millóns de euros, é coñecido no sector empresarial como ‘O zar das enerxías renovábeis’. A súa compañía, fundada en 2002, saltou ao panorama mediático en outubro de 2021, cando se fixo con máis de 1.400 dos 3.123 MW que naquel momento o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (Miteco) sacou a poxa pública.

10.000 millóns en enerxía renovábel en 5 anos

Segundo publican varios medios especializados en economía e no sector enerxético, a intención de Martín Buezas é investir unha cantidade superior aos 10.000 millóns de euros en proxectos de enerxía renovábel durante o período 2020-2025. Deses 10.000 millóns de euros, 2.000 millóns estarían destinados ao PEM Volanteiro, tal e como recolle o proxecto que Capital Energy enviou esta semana ao Miteco para a súa tramitación.

Non é a única compañía de Martín Buezas coa ollada posta nos recursos da Galiza. A súa filial Green Capital Power, con sede social en Madrid, viu como en marzo deste ano a Xunta autorizaba a construción do parque eólico do Reboiro, emprazado na serra da Lagoa entre os concellos de Baralla, Castroverde e O Corgo.

A memoria deste proxecto recolle a instalación de 11 aeroxeradores de 4,5 megawatts cada un, cunha altura de 121 metros e 158 metros de diámetro de rotor, unha potencia total de 49,5 megawatts e unha produción anual de electricidade esperada de 172.367 megawatts hora ao ano.

Outro dos proxectos promovidos pola compañía do ex xenro de Florentino Pérez é o do parque eólico Legre, que afecta os concellos de Oza-Cesuras e Mesía e contra o que a veciñanza e distintos colectivos sociais e ambientais presentaron en agosto máis de 2.500 alegacións, ao entender que o proxecto levaría por diante corenta explotacións agrarias da zona.