Por que é polémica a nova campaña de Zara? Ten a ver co xenocidio en Palestina?

Imaxe da última campaña de Zara (Foto: Tim Walker / Zara).
Os chamamentos a boicotear o xigante téxtil son continuos nas redes sociais. En varios países xa se levaron a cabo accións de protesta ante tendas de Zara por este motivo.

A polémica chegou a Zara, famosa tenda da multinacional de Amancio Ortega, Inditex. Cóntanse por centos as persoas que nas redes sociais critican con dureza a nova campaña da empresa de Ortega xa que, aseguran, fai referencia clara aos bombardeos israelís na Faixa de Gaza.

Na última campaña de Zara, que xa foi retirada por mor das críticas, aparece unha modelo mostrando as prendas de roupa que Zara busca promocionar nun entorno rodeado de ruínas, unha imaxe que lembra ás vistas no enclave palestino após os ataques do exército israelí dos últimos meses.

Trátase da colección de outono-inverno 2023/2024 chamada ‘Atelier’. Para a promoción, a modelo Kristen McMenamy posa coas novas pezas de roupa rodeada dun escenario e unha ambientación que claramente alude á destrución, o que incitou a un gran número de persoas a levar a cabo un boicot contra a marca.

Múltiples persoas usuarias das redes sociais apuntan a que unha das imaxes fai referencia aos cadáveres de palestinos xa que a modelo sostén unha especie de escultura con forma humana. Imaxes que se puideron ver nos últimos tempos en Palestina.

A indignación aumentou ao coñecerse unha publicación en redes sociais de Vanessa Perilman, xefa de deseño de moda en Zara, quen en 2021 afirmara: “Quizais se a súa xente tivese educación, non bombardearían os hospitais e escolas que Israel financia en Gaza. A xente no mundo da moda sabe a verdade. Nunca deixarei de defender Israel”.

Non é a primeira vez que o xigante téxtil se ve envolto nunha controversia do estilo. Hai aproximadamente un ano Joey Schwebel, socio para o mercado israelí de Inditex, e propietario de todos os dereitos de explotación das marcas comerciais en Israel, brindara apoio ao controvertido político israelí Itamar Ben-Gvir, líder do partido de extrema dereita Otzma Yehudit (Forza Xudía).

Boicot

Os chamamentos a boicotear Zara e Inditex son continuos nas redes sociais mais en especial nos países árabes onde xa desde hai tempo se levan facendo chamamentos a non comprar en empresas que supostamente teñen brindado apoio ao réxime israelí.

De facto, en varios países xa se están levando a cabo accións de protesta diante de tendas de Zara pedindo un boicot á marca de roupa.