Por que quere vender Inditex todas as súas tendas en Rusia? Zara podería quedar fóra desta operación

A compañía fechou en marzo os seus 502 estabelecementos en territorio ruso, dos que 86 son de Zara.
A presidenta de Inditex, Marta Ortega. (Foto: Europa Press)
photo_camera A presidenta de Inditex, Marta Ortega. (Foto: Europa Press)

Inditex está a estudar a posibilidade de vender o seu negocio en Rusia, polo que as tendas de Massimo Dutti, Oysho ou Zara Home abandonarían o mercado ruso por completo. Porén, podería seguir operando no país con Zara, que cambiaría de nome.

Segundo informa o medio ruso Kommersant e recolle Europa Press, a compañía fundada por Amancio Ortega está a considerar a posibilidade de transferir os seus activos rusos a socios dun país "amigo", por exemplo, do sueste asiático ou do Golfo Pérsico. Fontes consultadas por Kommersant explicaron que a transferencia do negocio ruso de Inditex aos socios levará de seis meses a un ano.

O conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras, afirmou esta terza feira que a compañía segue prestando apoio aos seus equipos en Rusia e Ucraína desde que o pasado mes de marzo suspendese as súas operacións en ambos os mercados co inicio da guerra.

"Seguimos monitorizando a situación e valorando distintas alternativas", sinalou o conselleiro delegado tras desvelarse que a compañía estuda a venda da maioría das súas tendas en Rusia. Tamén indicou que o pasado mes de xuño a empresa facilitou 216 millóns de euros para cubrir os gastos estimados até o feche do presente exercicio en ambos os países.

502 tendas en Rusia

O pasado mes de marzo, días despois de que comezase o conflito bélico en territorio ucraíno, Inditex decidiu fechar as súas 502 tendas en Rusia, o seu segundo mercado despois do Estado español, con máis de 9.000 empregados, e suspender a venda 'en liña' neste país. Deses 502 estabelecementos, 86 son de Zara.

Rusia constitúe perto de 8,5% do resultado neto de explotación (Ebit) global do grupo. En concreto, o resultado antes de impostos deste mercado foi de 86 millóns de euros en 2020 (229 millóns de euros en 2019), cunhas vendas próximas a 5% do total, o que supón máis de 1.000 millóns de euros.

A multinacional, presidida por Marta Ortega, resaltou nese momento que todas as tendas operaban en réxime de alugueiro, polo que o investimento non era relevante desde o punto de vista financeiro.

Comentarios