O PSdeG alerta de recortes "inxustificados" en Educación

A parlamentaria Noelia Outeiro (Foto: Nós Diario).
O Grupo socialista, da man de Noelia Outeiro, presentou unha batería de iniciativas no Parlamento galego contra o que consideran "recortes" da Consellaría de Educación.

A parlamentaria socialista Noelia Outeiro vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento galego para instar a Xunta a que reverta o que considera “recortes de docentes que están sufrindo institutos de toda a Galiza”.

Esta decisión, asegurou onte nun comunicado, é “absolutamente inxustificábel”. Lembra que “afecta directamente, tal e como denuncian as distintas comunidades educativas, ao reparto digno do traballo, as gardas, a educación inclusiva e a calidade de ensinanza pública”.

Outeiro sinala que con estes recortes de profesorado "lévase  a unha situación límite os centros educativos galegos" e advirte que "os incapacita de ofertar materias optativas, garantir clases de reforzo ou impartir actividades complementarias en bibliotecas ou extraescolares”. 

Apoio ás denuncias das directivas

Por este motivo, o Grupo Socialista amosou “todo o seu apoio ás denuncias de reivindicación dos distintos equipos directivos de institutos” que, ademais, presentaron a súa dimisión en bloque como medida de protesta ante estes “inadmisíbeis recortes”.

A deputada insta a Consellaría a atender as demandas dos institutos “e axustar os cadros de persoal docente ás necesidades contempladas nas peticións trasladadas para este curso polos equipos directivos”. 

Na iniciativa recóllense exemplos “dramáticos” como o do IES Punta Candieira (Cedeira) e o do IES A Sangriña (A Guarda) que, como lembra Otero, nos últimos anos acumulan un recorte de 11 docentes no primeiro caso e 13 no segundo.

A deputada conclúe afirmando que a Consellaría “camiña na dirección contraria á consecución dunha redución progresiva de ratios e dunha educación pública de calidade” e pide un “estudo das posibilidades sobre unha das reivindicacións máis relevantes da comunidade educativa”.