BNG e PSdeG abandonan a Comisión de Educación e Cultura polo "desprezo" da presidenta do PP

Posteriormente, ambas formacións presentaron unha petición de amparo e unha queixa formal ante a mesa do Parlamento galego pola "arbitrariedade" e "uso partidista" das funcións da presidenta da Comisión de Educación.
Os deputados do BNG e PSdeG abandonan a sesión da comisión. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Os deputados do BNG e PSdeG abandonan a sesión da comisión. (Foto: Xunta da Galiza)

Os deputados de BNG e PSdeG que participan na Comisión 4ª de Educación e Cultura abandonaron a sesión desta sexta feira en protesta polo "trato despectivo" e "reiterado desprezo" da presidenta deste órgano, a deputada do PP Teresa Egerique, contra a cal presentaron unha queixa formal ante a Mesa do Parlamento galego.

A decisión da presidenta da comisión de acumular no mesmo debate dúas proposicións do BNG e do PP en relación coa lingua galega en soportes dixitais, as cales contaban con formulacións diferentes, provocou a crítica airada da oposición.

 No comezo da sesión, Teresa Egerique defendeu que na tarde da quinta feira enviou un correo electrónico no que informaba de que "ía ser un debate conxunto", pois indica que como presidenta ten potestade para facelo.

"Bastante  condescendiente estou a ser xa cos grupos da oposición porque non consideran que unha decisión desta presidenta non é oportuna para iso", afirmou a popular.

Presentes só os deputados do PP

O deputado do BNG Daniel Castro acusou á presidenta da comisión de estar "a mentir". "É que nos está chamando idiotas", criticou. Nese momento, todos os deputados nacionalistas e socialistas presentes na sala marcháronse en sinal de protesta.

De tal forma, os deputados populares quedáronse sós para votar as propostas. A do Bloque foi rexeitada e a do PP foi aprobada cos votos dos populares.

Posteriormente, tanto BNG como PSdeG presentaron unha petición de amparo e unha queixa formal ante a mesa do Parlamento galego pola "arbitrariedade" e "uso partidista" das funcións da presidenta da Comisión de Educación.

Pola súa parte, Egerique lamentou nun comunicado "o desagradábel episodio protagonizado por BNG e PSdeG", mentres afirma que agarda que sexa "un caso puntual" e anima á oposición a "manter as formas durante o debate e a respectar as normas da Cámara".

Comentarios