O proxecto europeo Interlumes realiza o seu primeiro congreso en Pontevedra

Un momento do Congreso Interlumes en Pontevedra (Foto: Nós Diario).
O primeiro Congreso sobre Prevención, Modelo Forestal e Usos do Solo, enmarcado no proxecto europeo Interlumes de defensa contra incendios forestais. A Deputación informou do seu "plan de acción e protocolo conxunto".

O Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra acolleu esta segunda feira o primeiro Congreso sobre Prevención, Modelo Forestal e Usos do Solo, enmarcado no proxecto europeo Interlumes de defensa contra incendios forestais na fronteira Hispano-Lusa, financiado a través do Programa de Cooperación Interreg V a España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.

A proposta está coordinada pola Dirección Xeral de Defensa do Monte e do que a Deputación é socia xunto con outras institucións máis da Galiza, Portugal e tamén do Estado español.

A deputada de Medio Ambiente e Fondos Europeos, Iria Lamas, lembrou na apertura que “as actuacións incluídas no Interlumes dan resposta ás fraxilidades territoriais que afectan ao espazo transfronteirizo".

Por este motivo, asegurou que con este programa europeo búscase “contribuír a un aumento da resiliencia territorial para os riscos naturais dos espazos de cooperación a través do fortalecemento da extinción, prevención e da resposta conxunta”, así como a “un incremento na capacidade de resposta de medios de extinción que favorezan un despregamento máis áxil e rápido na loita contra incendios nos nosos bosques”.

Entre as actuacións salientou a “construción da primeira base aérea fronteiriza, a mellora e adecuación de infraestruturas e a dotación de medios”.

Ademais, informou dun “plan de acción e protocolo conxunto” con “formación e sensibilización” a través de “cursos, xornadas e congresos” como o organizado pola Deputación.

No Congreso, moderado pola coordinadora de Interlumes, María Honorina Barrio, expertas e expertos na materia presentaron diferentes accións e experiencias no ámbito da xestión forestal e da extinción de incendios.