A Deputación de Pontevedra celebra "sete anos de cambio radical"

As formacións do Executivo, PSdeG e BNG, salientaron os logros do seu mandato nun "acto de dación de contas".
Acto organizado polo Goberno da Deputación de Pontevedra. (Foto: Rafa Estévez)
photo_camera Acto organizado polo Goberno da Deputación de Pontevedra. (Foto: Rafa Estévez)

O goberno da Deputación de Pontevedra, formado por PSdeG-PSOE e BNG, celebrou esta sexta feira un "acto de dación de contas" para que a cidadanía "saiba a que dedicamos os recursos públicos". Foi un grande acto público no que se repasaron os sete anos de "goberno de progreso" na institución, nun tempo de "cambio radical".

O evento tivo lugar no paseo de Montero Ríos, fronte á escalinata central do Pazo, con música en directo e proxección de audiovisuais, baixo o lema 'A provincia que queres. A túa Deputación', e contou coa asistencia dunhas 400 persoas entre as que había alcaldesas e alcaldes encabezados polos das dúas principais cidades, Pontevedra e Vigo, Miguel Anxo Fernández Lores e Abel Caballero, alén de representantes doutras institucións, entidades, empresas e asociacións.

"Hai sete anos definimos a provincia que queriamos construír, un cambio radical de modelo", defendeu Carmela Silva

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou no seu discurso que ve cumpridos os obxectivos cos que asumiron o Goberno en 2015, enfocados á transformación do territorio e a unha nova forma de relación cos municipios "de igual a igual" que os converte en protagonistas. Tamén citou como "accións transversais de Goberno" a cohesión territorial, a sustentabilidade, a mobilidade amábel, a transición dixital e a innovación, o reto demográfico, a política para as persoas, os servizos e dereitos, a democratización da cultura no territorio e a igualdade.

"Hai sete anos definimos a provincia que queriamos construír, un cambio radical de modelo para a transformación intelixente desta provincia. Sete anos despois, aquí estamos. Investimos 1.770 millóns e mobilizamos máis de 104 de fondos europeos", dixo a presidenta.

Aliás, lembrou que neste período de tempo clausuraron unha débeda de 40 millóns de euros e que tornou na deputación do Estado español que máis recursos transfire aos seus concellos, 34%, fronte á media estatal de 17%. Só co Plan Concellos xa realizaron 327 millóns de euros de transferencias directas e permitiron acometer 3.000 obras e crear máis de 7.000 empregos.

"Xa non hai ese presidencialismo que había antes", dixo César Mosquera

Pola súa parte, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, destacou que o goberno provincial é "un equipo cohesionado" no que "non hai aquel presidencialismo que había antes", respecto ao que tamén lograron "cambiar a cultura de petición pola cultura de xestión". Engade que puideron "erradicar os tratos de favor e con sospeita de non ser igualitarios".

"Estou moi contento do que se está facendo neste goberno, facemos moitas cousas e moi ben", dixo Mosquera, que tamén incidiu en que: "Somos referentes en moitas áreas".

Críticas do PP

O portavoz do grupo provincial do Partido Popular da provincia de Pontevedra, Jorge Cubela, cualificou este evento como "partidista" e asegurou que, en realidade, foi un "acto político propio" de PSOE e BNG ao que "só acudiron cargos políticos e militantes" destas formacións.

Nun comunicado, Cubela censurou que "esta exaltación partidista pagarana todos os cidadáns". "Mentres temos veciños que non poden pagar a luz ou a compra, estes señores malgastan diñeiro do peto de todos co que estamos a sufrir", afeou.

Comentarios