Galiza protesta contra o delito de desordes públicas agravadas

A concentración en Compostela decorreu na praza Roxa, no ensanche da cidade (Foto: Arxina).

Organizacións sociais, políticas e culturais realizaron onte concentracións nas sete cidades galegas para manifestar o seu rexeitamento ao delito de desordes públicas agravadas que se pretende introducir coa derrogación do delito de sedición. 

'Pola defensa dos dereitos democráticos e das liberdades públicas. Non ao delito de desordes públicas agravadas' foi o lema baixo o que onte decorreron mobilizacións nas cidades galegas convocadas polo BNG, a CIG, A Mesa, Mar de Lumes, Galiza Nova, Erguer, Esculca, a Fruga, o SLG, a Marcha Mundial das Mulleres, Adega, a Plataforma en Defensa do Ensino Público, Vía Galega, Con Lupa e a Plataforma contra a OTAN. 

Nas concentracións procedeuse á lectura do manifesto no que se denuncia que “no debate sobre a derrogación do delito de sedición” que propón o Goberno español deféndese "eliminar a persecución penal de condutas pouco encaixábeis na realidade social actual" e "endurecer a regulación dos delitos de desordes públicas, colidindo cos dereitos fundamentais de participación política”. 

Desde a Marcha Mundial das Mulleres, Ximena González, membro deste colectivo, sinala a Nós Diario que durante estes anos de pandemia xa tiveron ameazas de multas por manifestarse. “Agora a norma é un novo paso do Goberno do Estado español para pór en cuestión a mobilización social das mulleres e do conxunto da clase traballadora”, afirma, “o que se pretende é frear as mobilizacións que veñan no futuro, nun 2023 que será chave polas políticas de recortes europeos”, engade. 

Criminalizar a mobilización social

En opinión do secretario xeral da CIG, Paulo Carril, esta lei “amplía o abano de medidas represoras que veñen estando presentes nos últimos anos na axenda dos diferentes Gobernos ademais de criminalizar a mobilización social”, nun contexto no que aínda está en vigor “a lei mordaza”.

Lembra a Nós Diario que "hai 18 meses derrogouse un artigo do Código Penal que castigaba con cárcere os piquetes e algo que tanto custou volve aparecer mais cunha versión agravada”. 

Sobre o texto no que se define a desorde pública agravada, Carril apunta que ten “toda unha serie de conceptos arbitrarios que en mans da policía e dos seus informes, sumados á tendencia reaccionaria que vemos no ámbito xudicial, colocan a mobilización social baixo o punto de mira dunha represión máis ampla”. 

O líder sindical cre que o emprego “excesivo” deste tipo de conceptos “permite unha arbitrariedade enorme e causa unha indefensión absoluta por parte de quen pode ser protagonista de accións de mobilización”.

Unha das características da nova norma sería detallar as accións concretas nas que se materializa a mobilización social, unha circunstancia que, para Carril, condiciona que “calquera tipo de presenza na rúa como protesta pode ser potencialmente penada se, en primeiro lugar, a policía fai unha actuación arbitraria e entende que hai intimidación ou falta de seguridade”.

Neste sentido, recorda que na Galiza, polo alto nivel de mobilización social, “xa houbo actuacións desproporcionadas como no caso que lle aconteceu ao sindicalista Pintos".