Protestan en Sanxenxo ante Juan Carlos I co lema 'Galiza non ten rei'

Concentración este sábado ante a visita do rei emérito a Sanxenxo. (Foto: Nós Diario).
A concentración, que decorreu na praza de Portugal da localidade de Sanxenxo, foi apoiada por organizacións políticas como o BNG e a súa organización xuvenil, Galiza Nova así como a central sindical CIG.

A visita do ex xefe do Estado español, Juan Carlos I de Borbón á vila de Sanxenxo provocou a convocatoria dunha concentración este sábado cuxo lema foi ‘contra a impunidade e a corrupción da monarquía’.

A concentración, que decorreu na praza de Portugal da localidade de Sanxenxo, foi apoiada por organizacións políticas como o BNG e a súa organización xuvenil, Galiza Nova así como a central sindical CIG.

Consignas contra a monarquía

Nela puidéronse ouvir consignas contra a monarquía e contra a corrupción que marcou a institución nestes últimos anos.

Entre os asistentes encontrábase Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso que onte, sexta feira 20 de maio, salientaba a necesidade de saber “canto custa exactamente o transporte e a seguridade do emérito durante o tempo que vaia estar en Sanxenxo, que supoñemos que non é pouco”.

Perpetuar a corrupción

Marta Gómez, secretaria xeral de Galiza Nova, outra das persoas asistentes á concentración, atendeu Nós Diario para denunciar a anomalía que supón que “o rei emérito poida pasear tan impunemente polo noso país”. 

Tamén aproveitou para criticar a monarquía, xa que considera “que o réxime monárquico só perpetúa a corrupción e a dependencia da Galiza do Estado español”.

Durante a concentración, activistas nacionalistas mostraron a mensaxe 'Galiza non ten rei' diante do porto de Sanxenxo, onde está atracado o barco do emérito. (Foto: Nós Diario).

A visita do emérito

O Borbón aterrou contra as 19.20 horas desta quinta feira en Vigo e, canda a súa filla infanta Elena, dirixiuse a Sanxenxo, onde permanecerá até o domingo, día en que viaxará a Madrid. 

Esta visita chega despois de dous anos nun ‘autoexilio’ do ex xefe do Estado nos Emiratos Árabes Unidos (EAU) debido aos casos de corrupción que o rodean. Entre eles o cobro de comisións polo AVE á Meca ou os pagamentos feitos á súa ex parella Corinna Larsen.