A produción renovábel da Galiza supera en 57% a fixada pola UE para o ano 2030

Parque eólico de Paxareiras, entre os concellos de Muros e Mazaricos. (Foto: Nós Diario)
45% da electricidade consumida en 2030 debe ser de orixe non fósil.

A Comisión Europea ten decidido que 45% da electricidade consumida polos Estados membros debe ser de orixe renovábel para 2030. Galiza vén superando esta porcentaxe nos últimos exercicios, até o extremo que en 2021 superou en dous puntos o total do consumo interno do país.

A estratexia de loita contra o cambio climático da Unión Europea (UE) pasa por cubrir 45% do consumo dos seus Estados con electricidade de orixe renovábel. A proposta acordada en maio de 2022 pola Comisión Europea dentro do Plan REPowerEU tivo continuidade en setembro do pasado ano coa reforma da Directiva de enerxías renovábeis (DUR) polo Parlamento europeo

As autoridades comunitarias sinalan que “a clave de bóveda de REPowerEU é a proposta de subida do obxectivo principal para 2030 en materia de enerxías renovábeis de 40% a 45% no marco do paquete de medidas”. Nesta liña, defenden “unha ampliación e aceleración masiva das enerxías renovábeis na xeración de enerxía, a industria,  o transporte acelerarán a transición ecolóxica”.

Galiza xerou 24.296.279 megawatts por hora ao longo do ano 2001. A produción de orixe non renovábel representou 6.232.617 mw/h e a de orixe renovábel 17.972.662 mw/h. Así, entre esta última fonte de xeración, destacou a eólica con 9.560.091 mw/h e a hidráulica con 7.691.730 mw/h. Neste sentido, a electricidade de renovábel acadou 72,3% da produción total galega e cubriu a totalidade do consumo galego dese exercicio cifrado en 17.550.239 mw/h.

Os datos da Galiza non teñen correspondencia na maioría dos territorios do Estado. Así por exemplo, en 2021, Madrid só atendeu coa electricidade de orixe renovábel 2,02 % da súa demanda interna, ao situarse a súa produción enerxética de carácter non fósil en 495.546 mw/h. Neste sentido, a capital do Estado carece de instalacións eólicas, sendo a súa xeración hidráulica de 163.386 mw/h e a produción solar de 81.553 mw/h.

A historia repítese en Euskadi. Neste caso, a produción de electricidade renovábel só atendeu en 2021 a 7,18% da demanda interna, tras sumar 391.695 mw/h hidráulicos, 298.390 mw/h eólicos e 63.455 mw/h solares. Concretamente, Euskadi enfronta un importante conflito social diante do proxecto da empresa pública norueguesa Statkraft de erguer un complexo eólico de 85,8 megawatts.

A electricidade de orixe renovábel  representou en 2021 no conxunto estatal 47,3% da produción. Neste caso, a enerxía de carácter non fósil significou 121.459.000 mw/h, para un consumo total de 256.546.000 mw/h. Precisamente, a posibilidade do Estado español para chegar a produción fixada para 2030 pasan por promover a instalación masiva de renovábeis naqueles territorios especializados na produción de electricidade.

Galiza e o Estado español xa cumpren cos obxectivos de descarbonización definidos pola UE para 2030. Neste sentido, non son certos os argumentos empregados pola patronal eólica, o Executivo estatal e a Xunta da Galiza sobre a escasa xeración eólica para atender as necesidades de produción e consumo definidos polo ámbito comunitario.

A UE pon no foco a lexislación eólica do Estado español

A Comisión Europea enviou un ultimato ás autoridades estatais para que cumpran plenamente coa transposición á lexislación estatal das normas comúns para o fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovábeis na área comunitaria.

A norma en cuestión estabelece o marco xurídico para o desenvolvemento das enerxías renovábeis na electricidade, a calefacción, a refrixeración e o transporte na Unión e fixa un obxectivo vinculante para a UE de polo menos 32 % de enerxía renovábel para 2030.

O aviso ten a forma dun ditame motivado, segunda etapa nun proceso de infracción, e dá un prazo de dous meses ao Estado español para que aborde o problema, reservándose no caso contrario recurso diante do Tribunal de Xustiza da Unión Europea.