Na procura do apoio popular para rachar coa concesión da AP-9

A concesión da autoestrada ten provocado un amplo debate. (Foto: Miguel Riopa / Europa Press)
A asociación de consumidoras que denunciou a prórroga sobre a xestión da autoestrada e permitiu a apertura dun procedemento de infracción por parte da Unión Europea pide agora sinaturas. O obxectivo é sumar moitos apoios á causa para crear unha presión social que obrigue a anular a concesión a Audasa. En-Colectivo exixe ao Goberno español que "asuma as consecuencias das ilegalidades cometidas", un suposto que podería repercutir en positivo na economía de miles de galegas e galegos.

Principia unha nova loita contra a concesión da autoestrada AP-9, malia que as frontes abertas se acumulen. A Asociación de Consumidores En-Colectivo, que foi a artífice da denuncia da prórroga a Audasa que vén de derivar na apertura dun procedemento de infracción polo incumprimento da normativa da Unión Europea (UE), reclama o apoio popular para impulsar a supresión da concesión e, en consecuencia, das peaxes.

A nova iniciativa de En-Colectivo na defensa do uso público da infraestrutura que conecta a fachada atlántica do país céntrase na recollida de sinaturas para demandar ao Goberno do Estado español que "asuma as consecuencias das ilegalidades cometidas".

Así, a plataforma insta ao Executivo de Pedro Sánchez a anular "a concesión a Audasa que ten vixencia até 2048".

Obxectivo: as 500.000 rúbricas

Galegas e galegos, e a poboación do Estado español en xeral, pode achegar a súa sinatura a esta proposta de loita popular a través da páxina web da asociación. A meta que se estabelece de momento é de 500.000 rúbricas. No propio sitio dixital, En-Colectivo insiste nesa petición de compromiso da cidadanía "para lograr que o Estado deixe de illar Galiza".

Tamén subliña que é preciso que "os custos dos erros que se produciron nas prórrogas da concesión da AP-9 non teñan que ser asumidos e sufragados por todos os galegos".

Para que España "non obrigue a seguir asumindo os custos de utilizar unha autoestrada que leva amortizada desde o ano 2013 e que debería ser gratuíta".

A Asociación lembra que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana afirmou que "será complicado" recuperar os importes xa cobrados nas peaxes e que o obxectivo é "protexer o interese público do Estado e dos contribuíntes para que isto non supoña un prexuízo económico de resarcimento á concesión".

Un beneficio para a poboación do país e para a economía

Malia esta resposta, a agrupación de consumidores sostén que hai que seguir pelexando para que España "non obrigue a seguir asumindo os custos de utilizar unha autoestrada que leva amortizada desde o ano 2013 e que debería ser gratuíta".

"Non podemos permitir que a única vía de conexión entre o norte e o sur de Galicia sexa unha autoestrada de pago que ten un custo anual para os galegos, turistas e empresas de transporte e loxística de máis de 140 millóns de euros", advirte o presidente de En-Colectivo, e tamén avogado, Diego Maraña.

"Agardamos que se nos escoite e que, en lugar de tentar xustificar o inxustificábel ante Bruxelas, asuma os erros cometidos e actúe en consecuencia, anulando a concesión e dando os pasos necesarios para que a AP-9 pase a ser unha autoestrada gratuíta canto antes", resumiu.

A campaña popular permanecerá activa até que remate o prazo de dous meses concedido pola Comisión Europea ao Executivo de España para dar unha resposta á súa carta de emprazamento, é dicir, até o próximo día 23 de novembro.